Inicio Galicia A Xunta licita a estratexia loxística de Galicia 2020-2028 para definir o...

A Xunta licita a estratexia loxística de Galicia 2020-2028 para definir o conxunto de infraestruturas prioritarias para a competitividade do Corredor Atlántico de Mercadorías

0
image_gallery.jpg

O traballo, coordinado cos gobernos de Castela e León e Asturias, enmárcase na defensa dos intereses do Noroeste no Corredor Atlántico europeo


A Xunta licita a Estratexia loxística de Galicia 2020-2028 para definir o conxunto de infraestruturas prioritarias para a competitividade do Corredor Atlántico de Mercadorías.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, e o subdirector xeral de Infraestruturas do Transporte, Juan Vidal, presentou hoxe o servizo para a planificación das infraestruturas para a elaboración da citada Estratexia.

A Plataforma de Contratos da Xunta publica hoxe a licitación deste servizo por importe de máis de 161.000 euros e un prazo de execución de 15 meses. As empresas teñen de prazo ata o 20 de outubro para presentar ofertas, tras o cal empezará o proceso de adxudicación coa fin de iniciar aos traballos a comezos do vindeiro ano.

Vázquez Mourelle destacou que esta iniciativa se enmarca no obxectivo xeral de potenciar as infraestruturas e o transporte como factores de calidade de vida e de competitividade. Engadiu que é un traballo coordinado cos gobernos de Castela e León e Asturias e responde á defensa conxunta dos intereses do Noroeste no Corredor Atlántico europeo.

Puntualizou que para a planificación axeitada das infraestruturas de mobilidade, o contrato hoxe licitado detallará aquelas actuacións que garantan o transporte de mercadorías en tempos e condicións competitivas, nun contexto de economía globalizada.

Lembrou a oportunidade única da incorporación da liña ferroviaria Monforte-Ourense-Vigo-A Coruña ao trazado do Corredor Atlántico de Mercadorías é dicir, a un dos nove corredores prioritarios para a Unión Europea. Neste sentido, avanzou que a Estratexia preparará o terreo para que a ampliación definitiva do Corredor Atlántico, entre 2023 e 2027, recolla as reivindicacións da comunidade galega.

Engadiu que a Estratexia tamén será a ferramenta esencial da participación de Galicia no Plan Director do Corredor Atlántico de Mercadorías, en cuxa elaboración está inmerso o Ministerio de Transportes.

Destacou que entrar no Corredor Atlántico supón contar con opcións de financiamento para a modernización da rede ferroviaria de mercadorías a través do Mecanismo Conectar Europa, e sinalou que o Goberno estatal debe solicitar eses fondos para financiar os proxectos.

A Xunta xa ten claros cales son os proxectos máis importantes, como a Saída Sur de Vigo e a conexión ferroviaria do Porto de Langosteira, explicou a conselleira. Agora, engadiu, trátase de definir o conxunto de actuacións precisas para garantir a competitividade da rede ferroviaria de mercadorías e para estender ao conxunto de Galicia as potencialidades do Corredor Atlántico a través dunha acción intermodal e capilar.

Complemento da Estratexia Galega de MobilidadeA Estratexia Loxística de Galicia é un proxecto orientado ás mercadorías que complementa outro traballo impulsado recentemente pola Xunta para facilitar os desprazamentos das persoas e a competitividade do territorio. Trátase da Estratexia Galega de Mobilidade, licitada o pasado mes de agosto, cun orzamento de case 1 millón de euros e un prazo de 2 anos para definir unha rede coordinada de servizos e infraestruturas de transporte moderna, sostible e eficiente.

Sinalou que esa Estratexia Galega de Mobilidade, en fase de adxudicación e cuxa elaboración empezará este ano, dará respostas ás necesidades de mobilidade nun contexto marcado pola loita contra o cambio climático, a chegada do AVE e o cambio de hábitos pola covid-19.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre