Inicio Galicia A Xunta leva investidos na parcelaria forcaricense de Meavía-Quintillán uns 5 millóns...

A Xunta leva investidos na parcelaria forcaricense de Meavía-Quintillán uns 5 millóns de euros

0

O director xeral de Desenvolvemento Rural reuniuse en San Caetano coa alcaldesa deste municipio pontevedrés para informala dos avances neste proceso


O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, mantivo hoxe un encontro de traballo en San Caetano coa alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel. A xuntanza serviu para informar á rexedora sobre os avances no proceso de reestruturación parcelaria de Meavía-Quintillán, que se atopa en fase de acordo e na que a Xunta investiu xa arredor de 5 millóns de euros.

Pérez Dubois explicoulle á rexedora que se está rematando o proceso de repaso das 130 modificacións presentadas nestes proceso. Trátase de cambios de carácter técnico-xurídico, referidos á localización dos predios ou á súa propiedade. Ao tempo, estase actuando para coordinar a representación gráfica e alfanumérica das parcelas, consonte á normativa vixente. Ademais, o director xeral sinalou que se vén de contratar unha intervención nesta mesma parcelaria, cun orzamento que supera os cen mil euros.

Outros temas do encontro de traballo estiveron centrados na mellora das infraestruturas rurais deste municipio do interior pontevedrés, especialmente referidos á mobilidade. O director xeral someteu tamén á consideración da alcaldesa a posibilidade de crear unha aldea modelo en Forcarei, tendo en conta que este é un dos concellos galegos adheridos ao convenio subscrito entre a Xunta e a Fegamp para a xestión da biomasa nas proximidades dos núcleos de poboación.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre