Inicio Galicia A Xunta leva ao Gaiás arquitectos internacionais para repensar escolas, espazos públicos...

A Xunta leva ao Gaiás arquitectos internacionais para repensar escolas, espazos públicos e cidades adaptadas á cativada

0

O V Encontro Playgrounds celébrase hoxe e mañá coas súas 170 prazas cubertas para abordar estes retos en nove conferencias e en 20 obradoiros prácticos


A Xunta de Galicia está a celebrar na Cidade da Cultura hoxe e mañá un encontro internacional con expertos chegados de todo o mundo para repensar –en xornadas teóricas e prácticas– como acadar arquitecturas saudables para a infancia en espazos públicos como as escolas, as súas contornas, os parques de lecer e mesmo as propias cidades. Este importante reto é o obxectivo do V Playgrounds. Encontro Internacional de Educación en Arquitectura para a Infancia e Xuventude, no que 170 profesionais e estudantes desta disciplina e de Educación infantil e primaria están a afondar nestas cuestións, a través da súa participación en nove charlas e en 20 obradoiros prácticos, actividades para as que se cubriron todas as prazas dispoñibles.

Organizado por Proxecto Terra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e a Asociación Ludantia, conta coa colaboración da Cidade da Cultura, xa que está vencellado á exposición Argallar, que leva preto de 10.000 visitas desde a súa inauguración o pasado 13 de setembro. Esta mostra do Museo Centro Gaiás para xogar coa arquitectura está dirixida a familias, cativada e alumnado de centros escolares, e nela tamén están implicadas estas dúas entidades.

O V Encontro Playgrounds está dirixido a docentes de Educación infantil e primaria e tamén a estudantes e profesionais da educación na arquitectura. Neste foro estase a abordar –desde o ámbito teórico e desde talleres con casos prácticos– catro grandes áreas temáticas: arte, espazo público e participación; transformación de espazos; xoguetes e dispositivos lúdicos; e arquitectura na educación.

A hiperactividade e as escolas en contacto coa naturezaEntre as e os nove relatores internacionais que están a participar neste encontro atópase Heike Freire, docente, asesora e relatora internacional, especializada na chamada pedagoxía verde, na que se incide na importancia de espazos en contacto coa natureza nas aulas, nas cidades e nos espazos públicos.

Neste senso, Heike Freire alerta de que estas carencias inciden negativamente na necesaria liberación da excitación mental e física que precisa a cativada, e máis nos casos de hiperactividade ou déficit de atención. Ademais, esta experta é autora de obras emblemáticas nas que afonda e propón actuacións para intentar resolver estes problemas como en ¡Estate quieto y atiende!: Ambientes más saludables para prevenir los trastornos infantiles e en Patios vivos para renaturalizar la escuela.

Nas conferencias tamén se pode coñecer de primeira man os proxectos de construción de escolas de Antonio Capelao en Londres e no Nepal. Este arquitecto nado en Portugal, pero que desenvolve a súa actividade laboral no Reino Unido, está especializado en edificacións sostibles e respectuosas co medio ambiente. Na actualidade, está inmerso nun programa de doutoramento que ten como referencia o modelo finlandés de ensinanza e é un férreo defensor de implantar a disciplina da arquitectura como parte dos estudos de arte no currículo da escola primaria no Reino Unido.20 casos prácticosOs participantes contan nestes dous días de encontro con 20 obradoiros –dez por xornada– onde levan a cabo casos prácticos da man de profesionais especializados en arquitectura na educación. O obxecto é situalos ante hipotéticas situacións reais para que se enfronten a elas e as resolvan.

Entre elas, está amoblar unha aula escolar para acadar un espazo de benestar e que estimule a aprendizaxe; estratexias para a introdución do pensamento arquitectónico dentro da clase, no horario escolar e como parte do currículo; ou mellorar o patio dun centro desde unha participación comunitaria e tendo en conta as propostas do alumnado.

A través de exercicios prácticos, os obradoiros tamén procuran facerlles ver e entender aos docentes e tamén aos estudantes e aos profesionais da arquitectura participantes a importancia da súa implicación en moitas mellores de habitabilidade e de benestar no eido da ensinanza.

Neste ámbito, hai varios obradoiros nos que se aborda a repercusión que ten no ensino a localización urbanística dun colexio; como inflúen no alumnado –no seu benestar e na súa aprendizaxe– as contornas urbanas próximas ao seu centro; e como poden, desde as súas respectivas disciplinas, intervir para mellorar isto.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre