Inicio Galicia A Xunta leva acondicionados espazos para vítimas en 14 xulgados galegos

A Xunta leva acondicionados espazos para vítimas en 14 xulgados galegos

0

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, explicou hoxe no Parlamento galego as medidas que se están tomando nas dependencias xudiciais para evitar que as vítimas se atopen cos seus agresores


A Xunta leva acondicionados espazos para vítimas en 14 xulgados galegos para evitar que a vítima se atope co seu agresor. A previsión é que estas actuacións teñan continuidade o próximo ano.

Así o explicou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, nunha resposta parlamentaria, na que precisou que xa se acometeron obras de acondicionamento nos xulgados das 7 cidades galegas e nas vilas de Ordes, Bande, O Barco, Verín, Cambados e Marín. Ademais, actualmente estase traballando na sala de agarda do xulgado de Viveiro.

Estas non son as únicas medidas que se adoptan nos xulgados para protexer ás vítimas. A Xunta tamén facilita biombos en todos os casos nos que os xulgados os solicitan e nas propias sedes xudiciais se adoptan medidas de carácter organizativo entre as autoridades xudiciais, as Forzas e Corpos de Seguridade e os propios funcionarios para preservar a intimidade das vítimas.

Outro aspecto fundamental na protección das vítimas é o incremento de salas de vistas co sistema de videoconferencia, unha medida que se inclúe dentro do Plan Senda 2020. Desde 2017 xa hai videoconferencia en todos os xulgados galegos, e desde ese ano vense implementando en cada vez máis salas.

Tamén para protexer, principalmente aos menores, a Xunta está incorporando de forma progresiva as denominadas salas Gesell nas sedes xudiciais. Xa está habilitada en Ourense, e estanse traballando para poñer en marcha outras en Santiago de Compostela e Lugo. Este mesmo sistema tamén se inclúe no programa funcional dos novos edificios xudiciais de Pontevedra e Vigo.

Ademais, a Xunta está habilitando outros recursos de asistencia e protección das vítimas. Neste sentido, destaca a posta en marcha da quenda de garda psicolóxica e social de violencia de xénero; ou o impulso ás 7 Oficinas de Atención á Vítima do Delito, coa dotación de psicólogos e traballadores sociais en cada unha delas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre