Inicio Galicia A Xunta lanza un concurso público para a adquisición de 45.000 m2...

A Xunta lanza un concurso público para a adquisición de 45.000 m2 de solo urbanizado na Coruña, Ferrol, Lugo e Pontevedra para a construción de case 1.500 vivendas protexidas

0

Por primeira vez, o solo residencial poderá adxudicarase en dereito de superficie ademais de en compravenda


A Xunta de Galicia pon máis de 45.000 metros cadrados de solo residencial urbanizado a disposición dos promotores e cooperativas interesados en promover vivendas protexidas nas cidades da Coruña, Ferrol, Lugo e Pontevedra. Os interesado poden acceder ao prego de bases e relación de parcelas ofertas a través da páxina web de Xestur ou nas oficinas da empresa pública.

A adxudicación das parcelas poderá realizarse en réxime de compravenda ou, por primeira vez, en dereito de superficie. Esta segunda forma de adxudicación, que supón o pago dun canon anual reducido polo uso do solo, supón unha novidade nos concursos de venda de solo residencial propiedade da Xunta de Galicia, xa que ata o de agora unicamente se ofrecía solo en réxime de compravenda.

As parcelas que se adxudiquen en dereito de superficie destinaranse obrigatoriamente á construción de vivendas protexidas para alugueiro, en réxime especial ou réxime xeral. O dereito de superficie terá unha duración de 30 anos.

Para a adxudicación das parcelas terán preferencia as ofertas que vaian destinadas á construción de vivendas en alugueiro. No caso de empate entre dúas ou máis ofertas, valorarase a proposta arquitectónica, as solucións bioclimáticas e de sostibilidade, eficacia enerxética e outras melloras ofertadas.

Os adxudicatarios das parcelas terán a obrigación de solicitar a licenza de edificación no prazo máximo de catro meses dende a formalización da escritura e as vivendas deberán construírse e cualificarse como protexidas no prazo máximo de 30 meses dende a concesión da licenza de edificación.

No conxunto das cidades, ofrécense en total 24 parcelas que permitirán a construción de case 1.500 vivendas protexidas para as familias galegas.

Concretamente, no parque Ofimático da Coruña ofrécense 10 parcelas, con edificabilidade para un total de 518 vivendas protexidas; en Ferrol a oferta comprende 8 parcelas emprazadas no Bertón, cunha edificabilidade de 414 vivendas protexidas; e en Lugo son dúas parcelas as dispoñibles en Garabolos, con edificabilidade para 370 vivendas. Finalmente, en Pontevedra existen catro parcelas en Valdecorvos, con edificabilidade para 137 vivendas protexidas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre