Inicio Galicia A Xunta lanza en Vigo 'Solpores do Museo', un ciclo de concertos...

A Xunta lanza en Vigo 'Solpores do Museo', un ciclo de concertos que levará a artistas de renome ao Museo do Mar de Galicia

0

Zenet, Joe Crepúsculo, Soleá Morente, Xosé Manuel Budiño ou os vigueses Moon Cresta e Amaro Ferreiro forman parte do cartel deste evento

A Xunta pon en marcha Solpores do Museo, un novo ciclo de concertos que levará a Vigo unha ducia de artistas nacionais e locais de renome ao Museo do Mar de Galicia. A iniciativa foi presentada esta mañá polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez e a delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro.

O ciclo constará de seis citas musicais que se celebrarán de balde durante este verán, desde a última semana de xullo e ata finais de agosto. Nel participarán artistas de renome a nivel nacional e galego como Zenet, Joe Crepúsculo, Soleá Morente, Xosé Manuel Budiño ou Baiuca, que estarán acompañados de músicos vigueses como Amaro Ferreiro, Moon Cresta, Bliusvai ou Presumido.

O proxecto nace coa vontade de poñer en valor o traballo de artistas locais, tanto emerxentes como consagrados, a través dunha programación de concertos transversal. Ademais, todos as actuacións se desenvolverán no serán, co obxectivo de contemplar o solpor na ría de Vigo desde o Museo do Mar de Galicia, un conxunto arquitectónico realizado polos arquitectos Cesar Portela e Aldo Rossi.

Durante a presentación do evento, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, que estivo acompañado polo director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, a directora do Museo do Mar de Galicia, Marta Lucio, e os coordinadores do ciclo Juan Rivas e Manuel Araújo, celebrou a posta en marcha desta iniciativa por entender que “permitirá amosar todo o potencial do tecido cultural de Vigo e de Galicia en interacción con artistas foráneos”.

En outono, ‘Vigo Emerxe’Román Rodríguez puxo de relevo o carácter “referencial” da escena musical da cidade olívica nas últimas décadas. De feito, avanzou que o Goberno galego presentará o vindeiro outono Vigo Emerxe, un encontro musical protagonizado por grupos locais emerxentes que rememorará os tempos da movida viguesa. O conselleiro explicou que se trata dunha proposta que, ao igual que os Solpores do Museo demostra “o compromiso da Xunta” coa cidade olívica e coa mellora da súa oferta cultural e turística.

Pola súa banda, Corina Porro reivindicou o apoio á arte e á vangarda e asegurou que Vigo non deixou de crear, ao tempo que destacou a dinamización e expresión da oferta cultura do Museo do Mar de Galicia. Así mesmo, puxo en valor o apoio da Administración autonómica aos proxectos que xeran valor creativo, reputacional e turístico.

Neste sentido, o titular de Cultura e Turismo recordou que a aposta do Goberno galego por promover un turismo de calidade “xa está dando os seus froitos” en toda Galicia, tamén na cidade olívica. Así, concretou que no que vai de ano, a demanda hoteleira da cidade de Vigo medrou por enriba do 14%, sumando xa seis anos consecutivos de incremento.

Do mesmo xeito, Román Rodríguez explicou que a estadía media subiu preto dun 15% e a rendibilidade dos establecementos hoteleiros creceu máis dun 11%. “O turismo en Vigo medra en cantidade pero sobre todo en calidade”, enfatizou.

Inicio o mércores 24 de xulloA primeira sesión dos Solpores do Museo terá lugar o mércores 24 de xullo e contará coa participación de Baiuca e Presumido, dúas bandas galegas. A segunda xornada celebrarase o xoves 1 de agosto e terá como protagonistas a Amaro Ferreiro e Villanueva.

O 8 de agosto actuarán o grupo vigués Moon Cresta e a banda Aurora & The Betrayers, mentres que o 15 de agosto será a quenda de Soleá Morente e Xosé Manuel Budiño. Xa o xoves 22 de agosto terá lugar a actuación de Joe Crepúsculo e a galega Cora Velasco, mentres que o vindeiro 29 de agosto celebraranse as últimas actuacións do ciclo a cargo de Zenet e Bliusvai.

Todos os concertos terán lugar na terraza do restaurante do Museo do Mar de Galicia, un emprazamento emblemático en plena ría de Vigo e polo que discorre o Camiño de Santiago. As actuacións comezarán ás 20,30 h. ata completar aforo e a entrada será de balde previa descarga da invitación na web www.solporesdomuseo.com.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre