Inicio Galicia A Xunta lanza a terceira edición do proxecto PNOA Galicia co reto...

A Xunta lanza a terceira edición do proxecto PNOA Galicia co reto de sumar imaxes de alta resolución dunha quincena de concellos

0
image_gallery.jpg

O IET organizou hoxe unha xornada técnica ‘online’ na que participaron representantes municipais e alcaldes para afondar nos obxectivos da iniciativa


A Xunta de Galicia lanzará o próximo ano a terceira edición do chamado PNOA10_Galicia, un proxecto cooperativo impulsado polo Instituto de Estudo do Territorio (IET) que busca obter ortofotografías aéreas de moi alta resolución para responder ás necesidades de información espacial das Administracións locais. Precisamente co fin de sumar novos municipios á iniciativa e incrementar a información espacial xa dispoñible, o IET organizou esta mañá unha xornada técnica online dirixida a representantes e técnicos locais interesados en sumarse ao proxecto en 2021.

Ata o de agora, máis de 30 concellos lle trasladaron á Xunta o seu interese inicial pola seguinte fase do PNOA10_Galicia, cuxo obxectivo será obter imaxes de 10 centímetros por píxel a partir de fotografías tomadas desde o aire. A xornada servirá para que coñezan en profundidade o seu funcionamento, posibles utilidades e implicacións, así como as necesidades orzamentarias que conleva a participación, polo que desde o IET estiman que finalmente se sumará en 2021 un número similar ao dos dous anos anteriores –nos que participaron 10 concellos- e se podería chegar a obter ortofotos duns 15 municipios.

Tal e como explicou esta mañá durante a inauguración da xornada o director do IET, Francisco Barea, o material gráfico que se obtén grazas ao PNOA10_Galicia ten múltiples aplicacións prácticas. Neste sentido, subliñou que son unha ferramenta importante para a planificación espacial das políticas relacionadas con diversos eidos, xa que co produto resultante se consegue información actualizada, fiable e ao detalle do territorio.

Cómpre lembrar que o PNOA10_Galicia naceu no ano 2018 coa intención de obter ortofotos cun maior nivel de resolución no ámbito autonómico e complementar así o Plan Nacional de Observación do Territorio (PNOT), recoñecido internacionalmente co premio de Nacións Unidas ao Servizo Público.

O devandito Plan responde satisfactoriamente a moitas das demandas que poden existir con respecto á información espacial das políticas nacionais e autonómicas en materias como o medio ambiente, as infraestruturas ou a vivenda. Sen embargo, non cubre a totalidade das necesidades dos concellos noutras áreas da súa competencia, como poden ser as de planificación de redes de saneamento e abastecemento, os plans de emerxencias, a localización de equipamentos e dotacións, a evolución da ocupación do solo, a obtención de cartografía a gran escala ou a planificación e a disciplina urbanísticas.

Por este motivo, desde o IET, organismo adscrito á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, impulsouse hai tres anos este novo Plan para que conxuntamente se puidese dar resposta, de xeito voluntario, colaborativo e optimizando os recursos dispoñibles, ás demandas que dende o eido local existían e seguen a existir de imaxes aéreas cun alto nivel de resolución e detalle.

No marco da primeira edición do PNOA10-Galicia, realizáronse voos fotogramétricos sobre os concellos de Cambre, Carballo, Oleiros, Lugo, Sanxenxo e Pontevedra durante o verán de 2018, cubríndose unha superficie total de 230 km2 e obtendo 3.129 fotografías de alta resolución. No ano 2019 foi a quenda dos concellos de Ames, Betanzos, Fene e Teo, cunha superficie cuberta de 112 km2.

Polo tanto, a día de hoxe son 10 os concellos galegos que dispoñen xa de imaxes de alta resolución do seu territorio grazas a esta iniciativa pioneira a nivel estatal. De feito, o PNOA10_Galicia foi o primeiro proxecto destas características realizado en España e grazas a el a comunidade dispón de material moi pouco desenvolvido a nivel nacional.

O obxectivo da xornada de hoxe, como subliñou o director do IET na súa intervención, é seguir sumando ortofotos de moi alta resolución nos vindeiros anos co fin de afianzar máis aínda o proxecto, e espertar entre as entidades locais o interese por incluír os seus respectivos territorios entre os posibles voos a acometer durante 2021. Os concellos que decidan participar nesta terceira edición terán que formalizar a súa adhesión a través da sinatura dun convenio co IET, que empezará a tramitarse a comezos de decembro polo que moi pronto se coñecerá a relación definitiva de municipios. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre