Inicio Galicia A Xunta lamenta que por primeira vez en dez anos o Ministerio...

A Xunta lamenta que por primeira vez en dez anos o Ministerio de Fomento presente o proxecto dunha estación intermodal sen compartilo previamente co Goberno galego, que a cofinancia

0

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade lembra que a colaboración institucional é a clave que permitiu que estean xa en obras as estacións intermodais de Santiago, Ourense e Vigo

A Xunta salienta que é a primeira vez en dez anos de Goberno que o Ministerio de Fomento presenta publicamente o proxecto dunha estación intermodal sen compartilo previamente coa Administración autonómica, a pesar de que esta cofinancia a actuación e achegou importante documentación técnica para o seu deseño.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade lembra que a colaboración institucional entre a Xunta e o Ministerio de Fomento é a clave que permitiu que estean xa en obras as estacións intermodais de Santiago, Ourense e Vigo. Nestes tres casos a Xunta, o Ministerio de Fomento e os respectivos concellos asinaron convenios de colaboración concretando o reparto de responsabilidades e achegas económicas que resultaron decisivos para impulsar as obras.

O Goberno galego lamenta que o Ministerio de Fomento decidise rachar esta frutífera traxectoria no caso da estación intermodal de Lugo.

A Xunta contratou no ano 2107 un estudo de alternativas e necesidades sobre a estación intermodal de Lugo que culminou a comezos de 2018 e cuxos resultados puxo á disposición do Ministerio de Fomento, co compromiso de esta administración de elaborar un anteproxecto conxunto. A finalidade era contar cun primeiro deseño formado por unha nova estación de autobuses integrada na terminal ferroviaria, unha reforma da estación de tren e unha adecuación da contorna.

Ademais, a Xunta remitiulles no mes de marzo do ano pasado ao Concello de Lugo e ao Ministerio de Fomento unha proposta de convenio de colaboración que non obtivo resposta por parte da administración local.

A longo do ano 2018 as tres administracións mantiveron contactos e xuntanzas nas que abordaron ese anteproxecto, a última delas en novembro. Naquel encontro as tres administracións acordaron que ese proxecto sería reformulado en varios aspectos e sería analizado conxuntamente por todas as partes.

Ademais acordaron asinar un convenio de colaboración que establecese un reparto de compromisos e responsabilidades para impulsar a actuación.

A Xunta remitiu novamente unha proposta de acordo ao Concello de Lugo e o Ministerio de Fomento que segue o modelo dos asinados no caso de Santiago e Ourense e que permitiu que as estacións intermodais destas cidades estean xa en obras.

O Ministerio de Fomento e o Concello de Lugo teñen pendente pronunciarse sobre esa, coa que Xunta confirma a súa achega económica á estación intermodal.

Con esa proposta, o Goberno galego respondeu ao borrador enviado polo Ministerio de Fomento, un mero protocolo de intencións que non recolle responsabilidade concreta algunha das administracións sobre a actuación e que se acompaña dun informe xurídico que especifica que a súa sinatura non supón “ningún compromiso xurídico concreto e esixible”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre