Inicio Galicia A Xunta lamenta que as axudas do Goberno central ao viño non...

A Xunta lamenta que as axudas do Goberno central ao viño non teñan apenas incidencia en Galicia xa que non se adaptan á realidade do seu sector

0

O conselleiro do Medio Rural pediu “unha vez máis” ao Executivo que teña en conta ás autonomías á hora de deseñar e aplicar liñas de axudas e normativas, dado que a realidade de cada unha delas é distinta


A Xunta considera que as axudas aprobadas polo Goberno central para o viño non serven en absoluto para o sector vitivinícola galego nin se adaptan á súa realidade, polo que terán “nula ou escasa” incidencia na nosa comunidade. Así o afirmou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, quen pediu “unha vez máis” ao Executivo de Madrid que teña en conta ás autonomías á hora de deseñar e aplicar liñas de axudas e normativas, dado que a realidade de cada unha delas é distinta, remarcou.

Nesta liña, o conselleiro solicitou tamén que este tipo de decisións sexan previamente comentadas e consensuadas coas comunidades, de cara a unha mellor adecuación ás características de cada territorio e incidiu na necesidade de que a repartición dos fondos non se faga consonte a criterios uniformes para todos, porque o que pode favorecer a unha comunidade, pode prexudicar enormemente a outra.

Tal é o caso destas axudas ao viño, segundo explicou José González, porque os criterios empregados por Madrid non serven para o sector galego. Así, o conselleiro sinalou que, aplicando ditos criterios técnicos, Galicia podería beneficiarse, como moito, dunha achega de 300.000 euros sobre un total de 90 millóns para o conxunto de España. Algo especialmente grave tendo en conta, ademais, que os viños galegos con denominación de orixe xeran arredor do 6% do valor engadido destas producións a nivel nacional, o que supón máis de 5 millóns de euros.

Pola tanto, advertiu González, o Goberno de España “marca unhas axudas extraordinarias sen ter en conta as especificidades das nosas explotacións, neste caso dos nosos viticultores e as nosas adegas”. Engadiu que “estas son medidas pensadas para viños con pouco valor engadido, que poden beneficiar a outras comunidades, pero non a Galicia”.

Así, cómpre advertir, en canto ás axudas para destilación, que os viños galegos con denominación de orixe teñen un posicionamento de prezo no mercado de tipo medio ou medio-alto, o que invalida esta iniciativa na nosa comunidade, fronte outras zonas de España con grandes superficies de cultivo e prezos baixos de uva nas que si pode ser efectiva.

Sobre a colleita en verde, esta medida non se adapta ás características da nosa comunidade nin resulta aplicable na viticultura galega, xa que só sería obxecto desta práctica en superficies mínimas de 0,3 hectáreas, cando a media dos viñedos galegos é de 0,250 hectáreas. Nesta liña, o Goberno do Estado propón unha vendima en verde para toda a parcela, cando Galicia o que viña demandando era un clareo. Ademais, a produción de uva galega está moi axustada e resulta prematuro pensar nun exceso de froito para a vendima.

Canto ao almacenamento privado, a Xunta considera que a repercusión desta medida sería limitada debido ao volume reducido de viño que existe en Galicia respecto do total nacional.

A maiores, a Consellería do Medio Rural considera tamén como outro despropósito a obriga establecida polo Ministerio de que os consellos reguladores teñan que reducir a produción nesta mesma vendima, diminuíndo os rendementos máximos por hectárea para vinificación. O Goberno galego critica a escasa marxe de tempo para actuar por parte dos consellos reguladores -que teñen de límite ata o 30 de xuño para comunicar estas decisión- e lamenta que un sector xa enormemente afectado pola covid-19 e anteriormente polos aranceis de Estados Unidos agora, aínda por riba, se vexa obrigado polo Estado a reducir a súa produción.

Por todos estes motivos, o conselleiro pediu ao Goberno que rectifique e lembrou que con estas políticas deixa desprotexido un sector que dá de comer a máis de 13.400 viticultores e 479 adegas, polo que demandou medidas como a posta en marcha de campañas de promoción do consumo de viño e a prol da súa comercialización, así como outras orientadas debidamente ás especificidades do sector galego.

Axudas para ovino e cabrúnPor último, o conselleiro referiuse tamén ás achegas do Goberno central para o sector ovino e cabrún, que definiu como “insuficientes”, tendo en conta que os criterios de repartición do Ministerio prexudican ás pequenas explotacións, propias de Galicia. Así, Madrid parte dun mínimo de 30 femias reprodutoras no caso do caprino e de 50 no caso do ovino e, por isto, de 10 millóns de euros en axudas, Galicia tan só vai percibir a “irrisoria cantidade” de 63.096 euros (o 0,63%). Neste sentido, cabe lembrar que en Galicia hai arredor de 220.000 ovellas e cabras, distribuídas en 22 rabaños, pero cunha media de 10 cabezas por rabaño.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre