Inicio Galicia A Xunta lamenta a falta de resposta do Goberno con respecto á...

A Xunta lamenta a falta de resposta do Goberno con respecto á subestación Nova Vigo, infraestrutura estratéxica para impulsar o desenvolvemento industrial da zona

0

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, explicou que contar cunha rede de 220kV permitiría atender os futuros incrementos da demanda programados na cidade e na Zona Franca, así como reducir os custos de peaxes das industrias, entre as que se atopa PSA

A Xunta lamenta a falta de resposta do Goberno central con respecto á subestación Nova Vigo e lembra a necesidade de que o Consello de Ministros a autorice canto antes, xa que se trata dunha infraestrutura estratéxica e prioritaria para impulsar o desenvolvemento industrial desta cidade e a súa competitividade empresarial.

En declaracións a unha radio, o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, explicou que contar cunha rede de 220kV permitiría atender os futuros incrementos da demanda programados na cidade e na Zona Franca, así como reducir os custos de peaxes das industrias, entre as que se atopa PSA: “Permitiría unha tarifa eléctrica moito máis competitiva e favorecería a mellora da competitividade desta empresa pero tamén de toda a industrial auxiliar”, asegurou.

Tal e como manifestou o director xeral, contar con esta rede non só favorecería ao tecido empresarial, senón que no futuro dotaría dunha maior calidade e seguridade ao servizo prestado aos cidadáns.Ángel Bernardo Tahoces lamentou que o presidente de Red Eléctrica Española, que esta semana estivo en Galicia, non mantivera unha reunión coa Xunta para abordar este asunto e para aclarar se o Consello de Ministros autorizará esta infraestrutura. Neste sentido, de non aprobarse no mes de setembro, a subestación non poderá estar executada en 2020.

A necesidade de conectar Vigo á rede de transporte de 220kV é unha vella demanda da Xunta ao Goberno central que xa se lle trasladou en reiteradas ocasións. De feito, o Goberno de Mariano Rajoy xa a incluíra na planificación da rede eléctrica española para levarse a cabo no ano 2020.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre