Inicio Galicia A Xunta invita aos Grupos de Desenvolvemento Rural da Ribeira Sacra a...

A Xunta invita aos Grupos de Desenvolvemento Rural da Ribeira Sacra a unirse á candidatura desta zona como Reserva da Biosfera

0

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e o director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Miguel Ángel Pérez Dubois, reuníronse esta semana con representantes dos catro GDR presentes na zona para facerlles unha presentación técnica do proxecto e coñecer as súas suxestións ao respecto


A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, vén de presentarlles aos catro Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) presentes na Ribeira Sacra a candidatura oficial posta en marcha pola Xunta co fin de que a Ribeira Sacra sexa declarada pola Unesco como Reserva da Biosfera. Durante a xuntanza, na que tamén participou o director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Miguel Ángel Pérez Dubois, fíxose unha presentación técnica do proxecto e deuse conta dos trámites realizados ata o momento para sumar todos os apoios e esforzos posibles á iniciativa.

A reunión cos representantes dos GDR –asociacións sen ánimo de lucro constituídas por institucións públicas e entidades privadas, dos ámbitos económico, social, cultural, veciñal, ambiental ou profesional, que desexen implicarse no programa Leader do seu territorio- enmárcase dentro da rolda de contactos iniciada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para darlle un pulo definitivo á candidatura a Reserva da Biosfera deste espazo, que abrangue a unha vintena de concellos das provincias de Lugo e de Ourense e cunha extensión que supón aproximadamente o 9% da superficie total de Galicia.

Fai unhas semanas, Belén do Campo reuniuse tamén en Sober con varios alcaldes e representantes municipais dalgúns concellos lucenses da Ribeira Sacra. Nesta ocasión, o obxectivo da xuntanza era presentarlle os detalles da candidatura e coñecer as opinións dos catro grupos de desenvolvemento rural presentes na zona: Adercon-Ourense, Sil-Bibei-Navia, Ribeira Sacra-Courel e Miño-Ulla.

Así, a directora xeral recordou que, a pesar de que é unha iniciativa impulsada pola Xunta, está aberta á participación de todas as entidades públicas e privadas asentadas nesta zona, xa que as achegas e puntos de vista das administracións máis próximas a este espazo, así como de entidades ou colectivos con intereses na mesma resulta moi enriquecedora e necesaria para lograr que a candidatura prospere ante a Unesco.

Nesta liña, aproveitou o encontro para explicarlles que as Reservas da Biosfera son territorios que actúan unidos co obxectivo de harmonizar a conservación da diversidade biolóxica e cultural co desenvolvemento económico e social a través da relación integral das persoas coa natureza. Para logralo, Do Campo incidiu tamén en que as funcións fundamentais desta figura son a conservación da diversidade natural do territorio protexido, o desenvolvemento das poboacións e asentamentos humanos locais, e o apoio loxístico á investigación, formación e comunicación.

O exemplo das Mariñas CoruñesasA obtención do distintivo de Reserva da Biosfera, outorgado ao abeiro dun programa da Unesco para áreas terrestres, costeiras ou mariñas senlleiras, ofrece un amplo abano de oportunidades ambientais, culturais e socioeconómicas para as empresas, administracións públicas e entidades privadas asentadas nese territorio.

Ao respecto, o xerente da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo interveu na reunión para contarlles aos asistentes a súa experiencia e como foi o proceso previo para acadar esta distinción por parte da Unesco. Así mesmo, incidiu tamén nos proxectos nos que están a traballar a entidade grazas aos fondos comunitarios aos que teñen acceso pola súa condición de Reserva da Biosfera, ao tempo que lles informou dunha iniciativa conxunta dos concellos incluídos neste espazo natural para sacar adiante unha nova marca conxunta.

Tramitación ante o Goberno centralPor último, Do Campo agradeceu a colaboración dos GDR da zona así como dos alcaldes dos concellos da Ribeira Sacra xa consultados para que a candidatura a Reserva da Biosfera se poida elevar oficialmente ante o Goberno do Estado este mesmo ano.

Nesta liña, recalcou que todos os apoios que se acaden neste camiño sumarán de cara ao obxectivo común de que este territorio, localizado a cabalo entre as provincias de Ourense e Lugo, se converta na sétima Reserva da Biosfera de Galicia e suporía á vez un gran avance para a candidatura tamén en marcha para declarar esta zona Patrimonio da Humanidade.

Cómpre lembrar que, nestes momentos, a comunidade ten xa seis espazos recoñecidos con esta figura de protección, que representan case o 25% de todo o territorio galego: Terras do Miño, Allariz, Os Ancares, río Eo, Xurés e Mariñas Coruñesas-Terras de Mandeo.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre