Inicio Galicia A Xunta invistiu 31.538 euros para mellorar a competitividade do polígono industrial...

A Xunta invistiu 31.538 euros para mellorar a competitividade do polígono industrial Área 33 de Silleda

0

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, explicou que en total, en 2018, beneficiáronse destas axudas na provincia de Pontevedra 8 parques industriais por un montante total de 254.000 euros


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o polígono industrial Área 33 de Silleda, en compaña do alcalde da localidade, Manuel Cuíña, así como do xefe territorial de Industria, Ignacio Rial, co obxectivo de comprobar as obras executadas neste parque para mellorar a súa competitividade.

Tal e como explicou Cores Tourís, estes traballos, centrados na mellora do acceso ao parque empresarial dente a estrada nacional N-525, executáronse grazas a unha axuda aportada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, da que tamén se beneficiaron outros 7 polígonos empresariais na provincia. En total, dende este departamento autonómico destináronse a executar melloras de seguridade, pavimentacións, construcións de puntos limpos, mellora de firmes e sinalizacións a través dun importe global de 254.000 euros.

Grazas a esta axuda, de 31.538 euros, é dicir, o 80% do total do investimento (39.423 euros), o concello de Silleda mellorou o acceso ao parque dende a N-525 e, por tanto, tamén dende a autoestrada, de xeito que se incorporou sinalización no interior do polígono co fin de orientar aos usuarios non familiarizados co mesmo e tamén favorecer a navegación dentro deste parque coa incorporación dunha nomenclatura de rúas, dende a A ata a K, coa sinalización pertinente nas rotondas de entrada para o acceso a cada unha delas.

As melloras consistiron na instalación de sinais informativos co nome das rúas, así como a reposición da sinalización viaria horizontal e a vertical. En total, acondicionáronse 1.040 metros de infraestrutura viaria.

O polígono empresarial de Silleda, Área 33, xa foi beneficiario, nos últimos cinco anos, de outras axudas procedentes da Consellería de Economía, que permitiron a construción dunha nave para almacenaxe de residuos, a renovación de viais e beirarrúas, a instalación de cámaras de vixilancia así como de placas solares fotovoltaicas que permiten o autoabastecemento do alumeado exterior. O orzamento total destas obras roldou os 632.000 euros.

Ademais, José Manuel Cores Tourís quixo aproveitar para recordar que a Xunta volveu a abrir en xaneiro esta mesma liña de axudas destinadas á habilitación e mellora das infraestruturas dos parques empresariais. O Goberno galego destina así este ano, a esta actuación, máis de 4 millóns de euros cos que prevé apoiar 54 proxectos e xerar 104 empregos. Estímase que o investimento mobilizado supere os 5,2 millóns.

A Xunta financia a través desta actuación, ata un máximo do 80% do custo global dos proxectos, os plans presentados polos concellos para implantar nos parques empresariais plantas de depuración de augas, incluídos os colectores con verquido á depuradora municipal e/ou instalar sistemas de seguridade e vixilancia, de protección destinados á loita contra incendios e contra o roubo de cable. Tamén apoiaranse proxectos referidos á mellora de infraestruturas viarias, tanto de acceso como interiores, así como a xestión de residuos. En todos os casos financiaranse tamén os gastos de redacción do proxecto e de dirección da obra. A axuda máxima será de 120.000 euros por solicitude, que alcanzará os 138.000 euros para os concellos procedentes de fusións ou agrupacións de concellos.“Grazas a estas axudas, a Xunta de Galicia colabora cos concellos de cara a dinamizar a competitividade destes parques empresariais e industriais, adecuando vellas infraestruturas e dotándoos de novos servizos”, engadiu José Manuel Cores Tourís. “O noso obxectivo é mellorar non só a competitividade das firmas xa asentadas, senón tamén atraer a novas empresas, para o que, ademáis, a administración autonómica puxo en marcha o protocolo “Doing Business” en colaboración ao FEGAMP”, rematou o delegado territorial quen recordou que a través desta iniciativa, os concellos adheridos poden gozar de rebaixas fiscais que ofrecerán ás empresas que se instalen nos polígonos destes concellos. Ademais, os concellos que se adhiran á iniciativa terán preferencias nas convocatorias autonómicas destinadas a impulsar o emprego, a industria e o emprendemento cando se formulen en réxime de concorrencia competitiva.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre