Inicio Galicia A Xunta inviste 169.000 euros na mellora e modernización de once establecementos...

A Xunta inviste 169.000 euros na mellora e modernización de once establecementos de aloxamento en Lugo

0

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou que a Xunta traballa “para avanzar na consolidación dun modelo turístico de calidade e competitivo”

A Consellería de Cultura e Turismo destinou 169.000 euros a estimular a renovación de once establecementos de aloxamento da provincia de Lugo no marco da nova liña de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, enfocada a entidades privadas para actuacións de mellora neste tipo de infraestruturas turísticas.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que o Goberno galego traballa “para avanzar na consolidación dun modelo turístico de calidade e competitivo”, para o cal “debemos ofrecer unha oferta diversificada e instalacións e servizos axeitados”.

Do conxunto de establecementos beneficiados dous están situados en Ribadeo, outros dous en Sarria e os demais en Cervo, Chantada, A Pastoriza, O Corgo, Samos, O Valadouro e Viveiro. Todos os promotores recibiron achegas de entre o 30 e o 35 por cento do investimento subvencionable do proxecto presentado.

O orzamento inicial desta convocatoria foi ampliado para atender as solicitudes presentadas, que cobren ata o 35% do importe, cun máximo de 35.000 euros por cada unha das entidades beneficiarias. Esta orde de subvencións da Xunta busca consolidar Galicia como un destino excelente e máis acolledor, tal e como recolle a Estratexia do turismo de Galicia 2020. A través destes incentivos, procúrase que os responsables de negocios incluídos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) leven a cabo as remodelacións precisas para o desenvolvemento da súa actividade, cos maiores estándares nos servizos prestados.

Leer más:  Galicia ocupó el quinto lugar en el número de muertes en el trabajo en 2023, destacándose especialmente los casos de infartos

Accesibilidade e aforro enerxéticoEntre outras accións, contémplanse as destinadas a mellorar as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras, afondando así nos compromisos do Plan de accesibilidade turística e do Camiño de Santiago impulsado polo Goberno galego. A orde tamén propicia a obtención de certificacións de calidade, ampliando o liderado da nosa Comunidade no ranking da Q de Calidade Turística, con case o 20% dos establecementos recoñecidos en España.

Así mesmo, abarca proxectos para elevar a clasificación do establecemento, que supoña un incremento da categoría na que se atopa na actualidade; actuacións de climatización que favorezan a sustentabilidade con medidas de aforro enerxético; traballos de renovación e de modernización das instalacións, así como destinadas a embelecer as contornas, e, por último, renovación dos equipos mobles necesarios para o funcionamento do establecemento.  


- Te recomendamos -