Inicio Galicia A Xunta inviste 135.000 euros na identificación, recuperación e promoción da riqueza...

A Xunta inviste 135.000 euros na identificación, recuperación e promoción da riqueza forestal de Lugo e Ourense a través do Centro de Desenvolvemento Agroforestal de Riós

0

José González enmarcou o acordo no obxectivo de impulsar a multifuncionalidade dos montes galegos previsto no Plan de Reactivación e Dinamización da Consellería do Medio Rural, que contempla a recuperación dos soutos tradicionais

O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, asinou esta mañá un convenio co alcalde de Riós, Francisco Veiga, para desenvolver un programa que lle permita ao Centro de Desenvolvemento Agroforestal deste municipio identificar, recuperar e promocionar a riqueza forestal das provincias de Lugo e Ourense.

O acordo, no que o Goberno galego inviste 135.000 euros, enmárcase no obxectivo de impulsar a multifuncionalidade dos montes galegos previsto no Plan de Reactivación e Dinamización da Consellería do Medio Rural para mellorar a competitividade do sector agrario galego tras a emerxencia sanitaria. O encontro concluirá cunha visita a plantacións de castiñeiros para comprobar in situ os labores que se poden desenvolver ao abeiro do acordo.

En concreto, a Xunta sufragará cinco tipos de accións no marco deste convenio, que estará vixente ata o remate de 2021. Así, levarase a cabo a identificación de soutos tradicionais e masas de frondosas autóctonas de especial interese nas provincias de Lugo e Ourense, a vixilancia e loita contra as pragas e doenzas destas árbores e cursos de formación para produtores ou persoas interesadas en incorporarse ao sector primario.

Así mesmo, estableceranse puntos de contraste sobre o terreo para garantir a actualización do Inventario Forestal Continuo de Galicia e promoveranse accións de boa gobernanza en comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC), así como a creación de agrupacións forestais de xestión conxunta.

A maiores, cómpre sinalar que a través do Plan de Reactivación e Dinamización de Medio Rural se pretende recuperar arredor de 30.000 hectáreas de soutos tradicionais para impulsar a actividade económica ligada ao territorio e poñer en valor a produción de castaña na nosa comunidade.

En paralelo, e dentro dos instrumentos previstos na futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia, impulsaranse fórmulas de tipo cooperativo ou asociativo que permitan o agrupamento dos seus propietarios para avanzar na xestión conxunta deste recurso, de forma que a súa transformación se faga nas propias zonas produtoras, mantendo sempre a propiedade dos terreos nos habitantes.

Apoio da XuntaA Consellería do Medio Rural contribuíu ao financiamento das instalacións do Centro de Desenvolvemento Agroforestal de Riós, situado nunha área de montaña na que ten especial importancia o cultivo do castiñeiro. Ademais, en novembro de 2017, asinou un convenio co concello de Riós para a participación activa do centro na creación dun programa específico de promoción do cultivo e produción da castaña, con vixencia ata o ano 2019.

Agora, a Xunta dá continuidade a esta colaboración tan importante para o sector agrario da zona. Así, as actuacións formativas e de recuperación que se levarán a cabo ao abeiro do novo convenio beneficiarán directamente aos titulares de terreos do conxunto das provincias de Ourense e Lugo.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre