Inicio Galicia A Xunta investiu en Marín case 500.000 euros nos últimos anos para...

A Xunta investiu en Marín case 500.000 euros nos últimos anos para melloras ambientais e de infraestruturas de uso público

0

O vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, visitou coa alcaldesa, María Ramallo, o resultado das obras que se financiaron o ano pasado ao abeiro das axudas deste departamento

A Xunta investiu nos últimos anos en Marín case 500.000 euros para realizar melloras ambientais e de infraestruturas de uso público, con cargo ás dúas liñas de axuda que a Vicepresidencia ten habilitadas para este fin.

O vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, acompañado da alcaldesa, María Ramallo, visitou hoxe o resultado de dúas obras que se financiaron o ano pasado ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental e da orde de infraestruturas de uso público.

A través destas convocatorias, a Xunta concedeu en 2019 unha axuda de case 40.000 euros para instalar un ascensor no Museo Municipal Manuel Torres. “Levamos tempo falando deste ascensor, que era necesario, xa que non tiña accesibilidade o museo”, precisou Rueda, que considerou que é unha “pequena actuación que vai beneficiar a moita xente”. Ademais, a Administración autonómica destinou outros 30.000 euros para renovar o alumeado público da rúa República Arxentina, o que redundou nunha mellora da eficiencia enerxética.

A colaboración co concello continúa este ano, xa que ten concedidas novas axudas para renovar a luz pública exterior noutros dos puntos do concello, ademais do convenio para colaborar no financiamento de establecemento de medidas de prevención da covid-19 nas praias. Ao respecto deste último punto, o vicepresidente explicou que estas axudas creáronse para colaborar con moitos concellos costeiros que “viron incrementadas as súas necesidades de actuación para contratar persoas ou facer pequenas infraestruturas para poder empregar as praias con garantías de seguridade” durante a crise sanitaria.

Por último, o vicepresidente destacou a importancia deste tipo de colaboracións cos concellos que, aínda que son “pequenas, son efectivas” e redundan directamente no benestar da veciñanza.

Fondo de Compensación Ambiental e orde de infraestruturasO Fondo de Compensación Ambiental permite desde 2010 que os concellos se beneficien das explotacións eólicas instaladas na súa contorna. Para este ano conta cun orzamento de 12,5 millóns de euros. No marco deste fondo, a Xunta financia actuacións nos concellos dirixidas ao incremento da eficiencia no aproveitamento dos recursos enerxéticos renovables, da sustentabilidade, da biodiversidade e do uso recreativo e educativo dos recursos de Galicia.

Pola súa banda, a través da liña de subvencións para infraestruturas de uso público, o Goberno galego vén apoiando desde 2009 aos municipios galegos na mellora das dotacións existentes de infraestruturas básicas e na creación reforma dos servizos municipais. A convocatoria para este ano conta cun orzamento de catro millóns de euros, o que supón un incremento dun millón de euros máis respecto ao ano anterior.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre