Inicio Galicia A Xunta investiu 300.000 euros en liñas de apoio e reactivación da...

A Xunta investiu 300.000 euros en liñas de apoio e reactivación da demanda para as axencias de viaxe galegas

0
image_gallery.jpg

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, fixo balance coa directiva da Asociación Galega de Axencias de Viaxes (AGAVI) das iniciativas que levaron adiante en conxunto desde o inicio da pandemia


Co obxectivo de darlle visibilidade ás medidas que a Xunta puxo en marcha nestes últimos meses para darlle resposta á difícil situación pola que están a atravesar as axencias de viaxe galegas, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou esta mañá nun acto conxunto coa directiva da Asociación Galega de Axencias de Viaxes (Agavi) e co presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal. Un acto que serviu de primeiro balance das actuacións que AGAVI puxo en marcha grazas aos dous convenios asinados con Turismo de Galicia e que supuxeron un investimento total de 300.000 euros.

Neste sentido, a directora de Turismo de Galicia destacou que este investimento permitiu a posta en marcha de tres liñas de acción orientadas a paliar os problemas de liquidez das axencias e darlle unha resposta profesional e ordenada tanto ás axencias como aos viaxeiros con orixe ou destino en Galicia. Así, activouse unha primeira liña de acción dirixida a reorientar cara á Galicia viaxes que xa estaban contratadas con outros destinos a través dunha axuda directa ás axencias. Un traballo que se materializou nun total de 870 viaxes inicialmente previstos a outros destinos e que finalmente chegaron ao noso territorio.

Unha segunda liña de acción supuxo a posta en marcha dun servizo de xestión, coordinación, difusión e comercialización de novos paquetes turísticos para descubrir Galicia, novos paquetes que se comunicaron a todas as axencias de viaxes de Galicia e que se orientaron, fundamentalmente, a dar a coñecer produtos turísticos como o termalismo, o enoturismo ou outros creados polos xeodestinos para avanzar na diversificación da oferta.“Paquetes nos que a calidade e a diferenciación son un elemento transversal presente en todas as nosas propostas, como corresponde a un destino de excelencia como é Galicia”, tal e como destacou Nava Castro, que incidiu en que o Goberno galego seguirá avanzando tanto na calidade como na seguridade do destino, “convencidos de que a seguridade sanitaria será un elemento fundamental no proceso de recuperación da confianza do viaxeiro”.

Finalmente, a liña de axudas posta en marcha en colaboración con AGAVI tamén permitiu que as axencias de viaxe galegas contaran cun servizo de atención xurídica que lles axudou a resolver dúbidas relativas fundamentalmente a reembolsos e uso de bonos turísticos.“En definitiva, da man do sector, estamos traballando para manter o tecido turístico nunha difícil situación na que o tempo corre en contra das axencias de viaxes galegas e o fixemos botando da man da ferramenta da colaboración público-privada”, destacou a directora de Turismo de Galicia, quen fixo fincapé no traballo conxunto co sector e nomeadamente con esta asociación representante do sector da turoperación e que ven de integrarse este ano como membro de pleno dereito da Confederación Española de Agencias de Viajes (CEAV),o máximo órgano de representación deste colectivo a nivel nacional.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre