Inicio Galicia A Xunta investiu 1,2 millóns en Cervantes nas axudas e tarefas de...

A Xunta investiu 1,2 millóns en Cervantes nas axudas e tarefas de recuperación que comprometeu tras os incendios de outubro do 2017

0

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou hoxe en Pando que o Goberno galego foi “a única administración” que achegou os apoios prometidos


A Xunta de Galicia investiu 1,2 millóns de euros no concello de Cervantes para a recuperación de terreos e de bens, públicos e privados, que resultaron danados polos incendios de outubro de 2017.

Así o expuxo hoxe o delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, durante unha visita a Pando para comprobar a marcha das obras de rehabilitación da vivenda que resultou destruída polo lume.

O delegado lembrou que, tal e como estaba previsto, o Goberno galego colabora con 102.000 euros no financiamento das obras de reconstrución. “Estivemos dende o primeiro momento cos afectados, e particularmente con este veciño que o perdeu todo no incendios; ofrecémoslle diversas posibilidades, dende un bono alugueiro ata unha vivenda social, e axudámoslle a financiar a que el elixiu, que foi recuperar a súa casa”, explicou Balseiro.

No conxunto do municipio, sinalou, a Xunta outorgou axudas a 44 particulares por importe global de 257.700 euros, en concepto de compensación por perdas persoais ou económicas, nas súas vivendas, explotacións agrogandeiras, establecementos turísticos, comercios ou empresas de calquera ámbito.

Ao respecto, o delegado afirmou que “finalmente, demostrouse que a Xunta foi a única administración que achegou as axudas prometidas. Outras administracións, pola contra, non investiron nin un euro pese ás moitas promesas que fixeron entón, e pese a que así o tiñan acordado mesmo no seo da Federación Galega de Municipios e Provincias”.

Balseiro incidiu neste argumento afirmando que a Consellería do Medio Rural investiu 142.300 euros nas tarefas de recuperación, e o departamento de Medio Ambiente realizou o esforzo principal, con preto de 700.000 euros investidos nos traballos de estabilización do chan e de retención de sedimentos nas zonas afectadas que se iniciaron días despois dos incendios.

Pola súa banda, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza colaborou na recuperación de infraestruturas públicas asumindo o 50% dos danos declarados polo concello.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre