Inicio Galicia A Xunta investirá na cidade de Ourense e na súa contorna máis...

A Xunta investirá na cidade de Ourense e na súa contorna máis de 41 millóns de euros no 2020

0

José González salientou que estes fondos servirán para impulsar o desenvolvemento de Ourense en todos os ámbitos, tanto na propia urbe como no seu espazo rural

A Xunta de Galicia contempla nos seus orzamentos para 2020 un investimento de máis de 41 millóns de euros na cidade de Ourense e na súa contorna. Así o destacou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, na súa visita ás instalacións do Fondo Galego de Garantía Agraria da capital ourensá.

O conselleiro puxo en valor estes fondos como xeito de impulsar o desenvolvemento de Ourense en todos os ámbitos, tanto na propia urbe como na contorna rural próxima. De entre todos os investimentos, o titular de Medio Rural destacou os destinados á mellora de infraestruturas e, dentro deles, os sete millóns e medio de euros para a conexión do polígono de San Cibrao das Viñas coa autovía das Rías Baixas e os 3,7 millóns que servirán para completar a nova estación de autobuses intermodal e o novo aparcamento subterráneo.

Outra partida relevante ten que ver coa posta en marcha do futuro Centro Galego de Innovación da Formación Profesional na cidade, que suporá unha achega por parte do Goberno galego de tres millóns e medio de euros. Idéntica cantidade, aportada pola Consellería de Política Social, destinarase ao novo centro de discapacidade.

Máis de dous millóns de euros servirán para apoiar a rehabilitación do casco vello ourensán, a través do Programa Rexurbe, e para a recuperación de inmobles nas áreas de rehabilitación integral (ARI’s) da cidade, por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. No eido da sanidade, a Xunta destina un orzamento de 1,2 millóns de euros para o proxecto do novo edificio de hospitalización do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).

Pola súa banda, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza contempla un investimento de preto de medio millón de euros na mellora enerxética dos edificios xudicial e da Xunta na cidade e o departamento de Economía, Emprego e Industria achegará outros 385.000 euros para a ampliación do recinto feiral de Expourense.

Medio RuralPor último, o conselleiro do Medio Rural fixo tamén referencia aos investimentos da súa área para apoiar a contorna rural de Ourense, que no 2020 superarán os 700.000 euros. Así, falou do orzamento para diferentes proxectos de dinamización ao abeiro da iniciativa Leader, que beneficiarán as infraestruturas no agro, o patrimonio histórico ou o turismo e o lecer da poboación.

Ao fío disto, lembrou que case a metade dos devanditos fondos serán para o arranxo de camiños, e case 68.000 euros para a mellora da xestión forestal e a prevención dos incendios, unhas actuacións que se enmarcan na política xeral da Consellería. Neste sentido, José González anunciou un orzamento de 6 millóns de euros, para o conxunto de Galicia, no que atinxe á implementación de plans preventivos integrais de prevención, incluíndo perímetros de alto risco de incendios.

O conselleiro sinalou que a anticipación aos lumes é, precisamente, unha das grandes liñas de traballo do seu departamento, como se reflicte nas contas do 2020. Outras son a recuperación da terra, con proxectos de mobilidade e co impulso de aldeas modelo mediante un esforzo orzamentario de 4,5 millóns de euros en toda a comunidade, máis do dobre que no 2019, ou a mellora da presenza da Consellería no territorio.

Sobre este último aspecto, José González destacou a posta en marcha dun servizo de matadoiro móbil, pensado para beneficiar as pequenas e medianas explotacións de montaña ou illadas, para facilitar o sacrificio de porcos, ovellas e cabras, principalmente. Suporá un investimento de 200.000 euros. Así mesmo, como novidade o vindeiro ano, vaise poñer en marcha un proxecto piloto de oficina agraria móbil, baseada na filosofía de achegar a administración aos cidadáns, segundo remarcou o conselleiro.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre