Inicio Galicia A Xunta investirá este ano 180.500 euros en acondicionar a travesía de...

A Xunta investirá este ano 180.500 euros en acondicionar a travesía de Alfoz e outros treitos da LU-160 entre este concello e Ferreira do Valadouro

0

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, destacou que a mellora da travesía da Seara será completa e incluirá a extensión dunha nova capa de rodaxe


Alfoz (Lugo), 28 de febreiro de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vai acondicionar este ano a travesía de Alfoz (A Seara) e outros treitos da estrada LU-160 no seu percorrido entre Adelán, neste mesmo concello, e Ferreira do Valadouro. O orzamento da actuación é de 180.500 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, desprazouse hoxe ata A Seara para presentar o proxecto de mellora xunto con técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI).

Os traballos dende Adelán ata Ferreira (puntos quilométricos 14,120 a 19,380 da LU-160) consistirán na realización de fresados localizados nos treitos nos que o firme se atope máis deteriorado e a reposición posterior da calzada con mestura bituminosa a carril completo.

Non obstante, segundo destacou o delegado, na travesía de Alfoz a actuación será completa e incluirá a extensión dunha nova capa de rodaxe en toda a lonxitude (1,1 quilómetros). Tamén está prevista a reposición da sinalización horizontal e vertical.

Balseiro dixo que o Executivo autonómico vai licitar, adxudicar e executar os traballos durante este mesmo ano. Segundo explicou, estas actuacións forman parte da programación de obras para o 2019 e “os técnicos da consellería levan meses traballando na elaboración, supervisión e aprobación dos proxectos”.

A estrada LU-160 une Mondoñedo e Ferreira do Valadouro, a través de Alfoz. O delegado salientou o esforzo inversor da Xunta en materia de conservación das estradas da súa titularidade, “co obxectivo de dispor dunhas vías de comunicación seguras e cómodas para os usuarios”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre