Inicio Galicia A Xunta investirá 360.000 euros na remodelación integral do campo de fútbol...

A Xunta investirá 360.000 euros na remodelación integral do campo de fútbol de Mirallos, no municipio de Moraña

0

A conselleira Ángeles Vázquez, acompañada polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou esta tarde as instalacións deportivas municipais nas que se levarán a cabo as obras grazas á colaboración entre ambos departamentos e o propio Concello

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colaborará co Concello de Moraña e a Secretaría Xeral para o Deporte para levar a cabo unha remodelación completa do campo de fútbol de Mirallos e mellorar os accesos desde a súa contorna. Así o anunciou esta tarde a titular de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, durante unha visita a este municipio pontevedrés para coñecer as instalacións deportivas nas que está previsto investir máis de 514.000 euros.

Concretamente, a Consellería achegará 360.000 euros –o 70% do custo total- para a execución dunha actuación que, como explicou Vázquez Mejuto, pretende acometer a mellora integral das actuais infraestruturas do campo de fútbol, sede oficial do Moraña CF e punto de encontro de referencia para os veciños do concello e mesmo tamén para o resto da contorna, xa que alberga numerosos eventos deportivos a nivel provincial.

Grazas a esta intervención, Ángeles Vázquez explicou que o campo contará cun novo espazo de bancadas con capacidade para 300 espectadores, vestiarios remodelados e modernos, un bar-cafetaría con vistas panorámicas ao terreo de xogo e unha sala de ximnasio. Así mesmo, dado o carácter integral da obra, tamén está previsto actuar na contorna do campo de fútbol, habilitando un circuíto de footing en todo o perímetro, instalando un novo sistema de rego e garantindo accesos mellorados.

Pola súa banda, a Secretaría Xeral para o Deporte achegará 136.878 euros correspondentes ao 26,63% do total do custo total da actuación. O secretario xeral, José Ramón Lete Lasa, destacou a importancia da coordinación entre departamentos, institucións e administracións que permite fitos de gran calado como a remodelación desta infraestrutura que se converterá nun referente do deporte, do ocio e da vida activa e saudable de Galicia. “Todos os responsables políticos debemos estar plenamente comprometidos coa mellora da calidade de vida da nosa poboación e a redución de enfermidades causadas pola inactividade”, sentenciou.

Actuacións no 40% dos concellos galegosA participación da Consellería de Medio Ambiente na remodelación integral do campo de fútbol de Moraña enmárcanse dentro do chamado Plan Hurbe, un programa posto en marcha pola Xunta no ano 2010 para apoiar ás entidades locais na execución de proxectos e actuacións que contribúan a crear, mellorar ou humanizar espazos de uso público e común. Grazas ao Plan hUrbe son xa 200 as intervencións executadas en 125 concellos, o que significa que no período 2010-2018 actuouse case no 40% dos municipios de Galicia.

De feito, esta non é o primeiro proxecto no que colabora a Consellería co Concello de Moraña a través deste programa. Así, Vázquez Mejuto lembrou que xa no ano 2016 o seu departamento destinou preto de 270.000 euros á reparación da cuberta do antigo mercado municipal, unha intervención que permitiu a súa reutilización para novos usos culturais. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre