Inicio Galicia A Xunta investirá 16M? ata 2022 para crear centros de fabricación avanzada...

A Xunta investirá 16M? ata 2022 para crear centros de fabricación avanzada de uso aberto e compartido para mellorar a competitividade das pemes galegas

0

Feijóo incide en que con esta nova liña de axudas continúa o desenvolvemento da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3)


O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que a Xunta investirá 16 millóns de euros ata 2022 para a creación de centros de fabricación avanzada de uso aberto e compartido para mellorar a competitividade das pemes galegas.

O obxectivo desta liña de axudas é impulsar a modernización do tecido empresarial, avanzar na implantación da Industria 4.0 e ir cumprindo taxativamente a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3). Segundo explicou Feijóo, esta nova medida promove que a iniciativa privada poña a disposición das empresas espazos para a prestación de servizos que non serían rendibles sen a colaboración.

En concreto, poderanse xerar, entre outras infraestruturas, centros de ensamblaxe, loxística e recursos tecnolóxicos; espazos maker de fabricación compartida ou o acondicionamento especializado de solo.

As axudas poderán cubrir ata o 80% do investimento de cada unha das iniciativas cun límite máximo de axuda por proxecto de 10 millóns de euros e un límite máximo de investimento subvencionable por proxecto de 20 millóns de euros.

As novas infraestruturas poñeranse a disposición dos usuarios interesados de forma aberta, cun prezo de uso ou venda equivalente ao do mercado e cunha estrutura de servizos tarificables en función do uso ou consumo que se realice.

O presidente da Xunta explicou que para o deseño desta iniciativa activouse unha consulta previa entre o tecido produtivo galego para coñecer a demanda existente deste tipo de espazos industriais, presentándose un total de 26 posibles consorcios.

Ademais, primarase a inclusión destes centros nos Hubs de Innovación Dixital, apoiados polo Goberno galego tras un proceso no que participaron máis de 240 axentes. Trátase das iniciativas Fábrica de futuro –liderada polo Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga) e centrada na internet das cousas e a intelixencia artificial- e Datalife – liderado polo Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) e que pon o foco no manexo do big data-.

Polo tanto, concluíu o presidente da Xunta, “estes hubs de innovación dixital funcionarán en conexión con esta iniciativa que acabamos agora de concretar de 16 millóns de euros e así continuamos de forma coherente desenvolvendo a Axenda Industria 4.0 e a Estratexia de Especialización Intelixente”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre