Inicio Galicia A Xunta introduce a teleasistencia avanzada, que mellora a atención aos maiores...

A Xunta introduce a teleasistencia avanzada, que mellora a atención aos maiores a través da xeolocalización e os servizos móbiles

0

Destínanse 2,8 millóns de euros a desenvolver este servizo que se irá introducindo progresivamente


A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia introducirá a teleasistencia avanzada, que mellora a atención aos maiores a través da xeolocalización e os servizos móbiles. Díxoo durante unha visita ao Centro de Coordinación da Cruz Vermella, desde o que se xestiona esta prestación pública que chega na actualidade a 5.800 persoas na nosa comunidade.

A teleasistencia avanzada non suporá coste adicional para as persoas beneficiarias do actual servizo, a modalidade básica. A Xunta destina 2,8 millóns de euros nos vindeiros tres anos a extensión deste novo sistema que, ademais da asistencia domiciliaria, incorpora como funcionalidades adicionais a teleasistencia móbil e a xeolocalización da persoa usuaria. Esta contía permitirá, ademais, que o número de persoas beneficiarias aumente un 20% ata acadar os 7000 usuarios.

Unha das novidades da teleasistencia avanzada é o dispositivo, que pasará a ser unha pulseira que o usuario poderá levar sempre consigo, incluso fóra da súa casa. Tamén disporá dun xeolocalizador, para saber con exactitude en todo momento onde está a persoa beneficiaria desta prestación; e dunha aplicación informática de seguimento, que poderán utilizar as familias para ter coñecemento real da localización da persoa maior previo consentimento desta. A modalidade avanzada tamén contempla a instalación de diferentes sensores no fogar, para o fume, gas ou a apertura de portas. Ademais, para facilitar a prestación a aquelas persoas que non teñen liña telefónica, dotaráselles dun terminal gratuíto para que poidan recibir o servizo.

Apoio persoalEste innovador recurso compleméntase ademais con outros recurso de apoio persoal como son a xestión de citas médicas e recordatorio das pendentes e campañas de vacinación; unha páxina web de información para coidadores, unha liña telefónica gratuíta e un correo electrónico específico para atender consultas de familiares; e un servizo de prevención da soidade chamado sempre contigo que consiste na realización de chamadas programadas de acompañamento e un seguimento específico con apoio psico-social.

A conselleira destacou a importancia deste servizo para garantir que as persoas de máis idade poidan permanecer de xeito autónomo nos seus propios fogares o maior tempo posible, tal e como é o desexo maioritario destes. Ao respecto, indicou que soamente con premer un botón, estas persoas teñen cubertas ás necesidades de axuda ou urxencia que poidan producirse durante as 24 horas do día os 365 días do ano e alí onde vivan.

A mellora da teleasistencia forma parte do impulso que o Executivo autonómico está a dar nesta lexislatura a recursos que fan posible que as persoas poidan elixir libremente onde e como queren envellecer. A este compromiso responde o reforzo do Servizo de Axuda no Fogar, do que se benefician 24.000 maiores dependentes; a extensión do programa Xantar na Casa, que xa chega a 170 concellos e leva 40.000 menús ao mes ás casas dos seus usuarios; a posta en funcionamento dunha trintena de Casas do Maior, pequenos centros de día gratuítos no rural; ou o programa RedMay, que permite ás persoas maiores acceder tamén de balde a servizos de oftalmoloxía, podoloxía, prevención do alzhéimer e apoio persoal sen ter que desprazarse das súas parroquias. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre