Inicio Galicia A Xunta insta ao Goberno central a revisar os acordos con Audasa...

A Xunta insta ao Goberno central a revisar os acordos con Audasa para evitar que a AP-9 sexa en 2021 a única autoestrada de España na que suban as peaxes e frear o agravio que sofre Galicia

0
image_gallery.jpg

Vázquez Mourelle urxe a actuación do Goberno para evitar novas subas na AP-9 mentres outras autoestradas estatais ven liberadas ou rebaixadas estas tarifas


A Xunta insta ao Goberno central a revisar os acordos con Audasa para evitar que a AP-9 sexa en 2021 a única autoestrada de España na que suban as peaxes e frear o agravio que sofre Galicia.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, informou sobre as achegas da Xunta ao anteproxecto de Lei de mobilidade sostible e financiamento do transporte que está a impulsar o Goberno de España.

No que se refire ás infraestruturas, Vázquez Mourelle urxiu ao Executivo central a evitar novas subas de peaxes da AP-9, mentres outras autoestradas estatais ven as súas peaxes liberadas ou rebaixadas.

Engadiu que sería o paso previo á transferencia a Galicia da AP-9 para acadar unha xestión máis directa, tal como vén demandando a Xunta desde hai anos.

Apuntou a necesidade de analizar as supostas bonificacións que, segundo se avanzou, poderían incluír os Orzamentos Xerais do Estado, e que, en todo caso, correrían a cargo dos cidadáns, mentres Audasa ve intactos ou incluso aumentados os seus beneficios.

Indicou que a Lei debe abordar situacións como as que se dan en Galicia coas peaxes da AP-9, onde por exemplo, no tramo Ferrol- Tui, un coche debe abonar 22,2 euros e un camión grande, 47,65 euros.

Reiterou que se teñan en conta as consideracións do Consello Consultivo, que ditamina que eses incrementos nas tarifas son nulos de pleno dereito e indica que se outorgou un beneficio fiscal encuberto a favor da concesionaria.

Precisou que no 2025 as tarifas aumentarían un 12,6 % só por subidas extraordinarias desde finais de 2018. Así, os cidadáns pagarán en peaxes 1.400 millóns de euros por unhas obras que custaron 230 millóns.

Transporte públicoEn relación ao eixo do transporte, a conselleira subliñou que a Lei debe abordar o financiamento do transporte interurbano, non só do urbano, así como a necesidade de apoio público extraordinario nos ámbitos rurais, dispersos e pouco poboados.

Destacou que a rede de transporte público interurbano, especialmente no rural, ten unha baixa demanda e unha rendibilidade inferior á media nacional, o que obriga á Xunta a realizar un alto volume de investimentos para atender as necesidades da poboación.

Tamén requiriu maior transparencia en canto ás obrigas de servizo público: aos ingresos públicos destinados ás operadoras de transporte para asegurar que se preste un determinado número de servizos que non sexan rendibles coa venda de billetes ou para bonificacións.

Chamou a clarificar a contía e as condicións desas obrigas, o que axudaría a coñecer o que está a pasar cos servizos ferroviarios en Galicia, que están sustentados con obrigas de servizo público pero non se prestan en gran parte desde hai meses.

Puxo en valor o esforzo da Xunta por responder ás necesidades dos cidadáns, para o que adxudicará proximamente a súa propia Estratexia galega de Mobilidade, que definirá unha rede coordinada de infraestruturas e servizos de mobilidade sostible, moderna e eficiente.

Resaltou a necesidade de impulsar un novo modelo de mobilidade, adaptado ao contexto derivado da covid-19, ao desenvolvemento das novas tecnoloxías, á Estratexia Galega do Cambio Climático e á Estratexia de Crecemento Verde da UE.

Nesa liña vén traballando o Goberno galego, con iniciativas como o Plan de Transporte Público, unha reordenación de todas as liñas de autobús de Galicia no que se investirán máis de 73 M€ ao ano para manter os servizos.

A conselleira tamén se referiu ao Plan social de transporte metropolitano que bonifica cada ano case 10 M€ de billetes de autobús e fai posible que os mozos menores de 21 anos viaxen gratis.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre