Inicio Galicia A Xunta insta ao Goberno central a determinar a apertura ou o...

A Xunta insta ao Goberno central a determinar a apertura ou o mantemento da prohibición da actividade dos mercados locais para a venda de produtos agroalimentarios a partir do 1 de abril

0

Efectúase esta consulta para que o Goberno central determine se a venda directa de produtos agrícolas e gandeiros a través destes mercados ao aire libre se considera un servizo ou actividade esencial

A Xunta acaba de remitir unha consulta ao Goberno central sobre a posibilidade de abrir de novo, a partir do 1 de abril, os mercados locais para a venda de produtos agroalimentarios. En concreto, a Consellería do Medio Rural dirixiuse ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, ao de Sanidade e á Delegación do Goberno en Galicia.

Deste xeito, atendendo ao disposto no Real Decreto Lei 10/2020, publicado onte no Boletín Oficial del Estado, efectúase esta consulta co fin de que o Goberno central determine se a venda directa de produtos agrícolas e gandeiros a través destes mercados ao aire libre se considera un servizo ou actividade esencial, co fin de garantir a adecuada interpretación do corpo normativo ditado en relación co estado de alarma que foi decretado por razón da emerxencia sanitaria Covid-19.

Tendo en conta a publicación do Real Decreto Lei por parte do Estado, a Xunta decidiu consultar a posibilidade de abrir estes mercados coa condición de limitar a venda directa a produtos agrícolas e gandeiros do sector da alimentación e produtos perecedoiros, única e exclusivamente, ou, pola contra, de manter a súa prohibición.

Cómpre sinalar que o pasado 24 de marzo a Consellería do Medio Rural sacaba unha orde que prohibía ata o 31 de marzo a celebración dos devanditos mercados tradicionais. Non obstante, adiantouse que o levantamento ou mantemento desta prohibición se daría a coñecer o antes posible á cidadanía. Namentres estiveron prohibidos estes mercados, a venda de produtos agrícolas e gandeiros púidose realizar por medios alternativos que non implicasen presenza física, como por vía telefónica, con realización de pedidos a través da rede online (correo electrónico) ou similares, servidos polo produtor no domicilio do consumidor e evitando o desprazamento de persoas pola vía pública.

Normas para a reaperturaNeste senso, cabe sinalar que, no caso de que se poidan reabrir estes mercados, haberá que levar a cabo unha serie de normas específicas, entre elas que os postos deberán atoparse separados por unha vía de tránsito e cunha distancia mínima entre eles de 6 metros, permitíndose unha separación mínima de 4 metros entre os laterais. Como forma de instalación dos postos na superficie do mercado, recoméndase unha disposición ao tresbolillo (en forma de triángulo equilátero, evitando que un punto de venda estea enfrontado a outro).

Dentro dun mesmo posto as persoas vendedoras deberán gardar entre si unha distancia mínima de 2 metros, quedando restrinxida a actividade comercial a un único operador no caso de que as medidas do posto non fagan posible esta separación física. Ademais, recoméndase aos responsables dos postos poñer a disposición da clientela luvas desbotables. En todo caso, será indispensable o uso de luvas para tocar os produtos en venda e recoméndase contar con dispensadores de xel desinfectante para o uso, tanto das persoas vendedoras como das persoas usuarias, de acordo coas recomendacións das autoridades sanitarias.

Ademais, as persoas vendedoras serán as titulares da explotación agraria con actividade inscritas na sección de venda directa (Sevedi) do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga), parentes en primeiro grao que colaboran na actividade agraria ou empregados da explotación. En canto ás persoas usuarias, establécese que a distancia mínima entre elas será de 2 metros, coas excepcións que establece ao efecto a normativa estatal.

Finalmente, con respecto á limpeza e recollida, os refugallos xerados polo mercado deberán ser depositados en bolsas dentro dos colectores instalados ao efecto polos servizos municipais de limpeza e recollida de lixo e, en todo caso, observar as determinacións que ao respecto se establezan nas ordenanzas ou bandos municipais. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre