Inicio Galicia A Xunta iniciará o luns a última inspección prevista dos locais electorais...

A Xunta iniciará o luns a última inspección prevista dos locais electorais para comprobar que cumpren as medidas de prevención sanitarias

0

Durante a xornada electoral, representantes da Administración encargaranse de regular o acceso aos locais para evitar aglomeracións e dando prioridade ás persoas maiores de 65 anos ou con discapacidade

A Xunta iniciará o luns a última inspección previa prevista dos 2.405 locais electorais de Galicia para comprobar que, logo de instalar o mobiliario e material, cumpren as medidas de prevención sanitarias ante a covid-19. Na primeira quincena de xuño xa se realizara unha inspección previa, na que se garantiu que o 100% dos locais podían cumprir coas pautas de saúde pública.

Ademais das inspeccións previas, durante a propia xornada electoral do 12 de xullo, despregaranse en todos os locais electorais un equipo de representantes da Administración con funcións de vixilancia e supervisión para asegurar o cumprimento das medidas en materia de saúde pública. As medidas inclúen, entre outras, distancias de seguridade, uso obrigatorio da máscara e xel, e control de acceso, tal e como se amosou esta mañá nunha demostración práctica nun local electoral de Boqueixón.

Así, o días das eleccións os representantes da Administración regularán o acceso e o aforo dos locais electorais controlando o fluxo de votantes para evitar aglomeracións e dando prioridade ás persoas maiores de 65 anos ou con algunha discapacidadeTamén se encargarán de vixiar que se respectan as distancias de seguridade e de lembrar que é obrigatorio hixienizar as mans con xel hidroalcohólico antes de proceder ao voto, así como o uso da máscara, facilitándolles unha se non a traen da rúa.

A Xunta porá a disposición dos locais electorais máscaras e todo o material de protección e prevención necesario para poder seguir estas pautas.

Tal e como se comprobou hoxe en Boqueixón, haberá cartelería para facilitar o seguimento das pautas sanitarias e para sinalizar o percorrido e os fluxos de circulación de entrada e saída no interior dos locais.

O mobiliario para as persoas integrantes da mesa electoral estará colocado de maneira que se manteña a distancia de seguridade, ao igual que na zona que ocuparán interventores e apoderados dos partidos políticos.

Cómpre recordar tamén que na mesa haberá unha bandexa na que os electores deberán depositar o DNI antes de votar, co obxectivo de rebaixar ao mínimo os contactos entre os membros das mesas e os electores. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre