Inicio Galicia A Xunta iniciará a vindeira semana a limpeza de seis quilómetros de...

A Xunta iniciará a vindeira semana a limpeza de seis quilómetros de ríos en nove parroquias do municipio de Viveiro

0

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que Augas de Galicia actuará no Landro, Trasposta, Loureiro, As Nogueiras e Loiba, coa previsión de que os traballos estean rematados a finais de febreiro


A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciará o vindeiro 3 de febreiro un proxecto de conservación fluvial que afectará a 6,1 quilómetros dos ríos Landro, Trasposta, Loureiro, As Nogueiras e Loiba ao seu paso por nove parroquias do concello de Viveiro. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a previsión é que os traballos estean rematados antes de finais de mes.

Así, Augas de Galicia actuará sobre case 3,7 quilómetros do río Landro en distintos puntos das parroquias de Chavín, San Pedro de Viveiro, Landrove, Magazos e Galdo. Tamén nun quilómetro do río Loureiro, en Valcarría e San Pedro de Viveiro; 550 metros do Trasposta en Viveiro -á altura do Camiño do Campo da Urraca-, 270 metros do Loiba en Covas e 600 metros das Nogueiras en Celeiro.

Os principais labores consisten na retirada de árbores, ramas caídas e madeira morta no curso fluvial. Tamén se van realizar desbroces selectivos de especies arbóreas e arbustivas en ribeira e marxes nos tramos nos que o leito do río quede oculto -parcial ou totalmente- pola maleza.

En ocasións, complementaranse os traballos con rareos ou podas en zonas con gran densidade de especies arbustivas, con crecemento e cruzamento cara ao leito, para evitar retención de arrastres de crecidas.

No río Nogueira vaise aplicar un procedemento para evitar a propagación da especie exótica invasora Acacia Dealbata, xa que se detectaron exemplares caídos ou inclinados sobre o canle. Neste caso, os desbroces reduciranse ao necesario para permitir o tránsito das augas e, ao mesmo tempo, manter as condicións de sombra que dificulten o desenvolvemento desta especie.

Augas de Galicia realiza un seguimento constante da situación dos ríos e programa as intervencións alí onde se detectan as necesidades. Durante o pasado ano, actuou en 40 quilómetros de curso fluvial nos sistemas de explotación da ría de Ribadeo, Río Grande, Masma, Landro e Ouro; isto é, actuou en todas as concas da súa competencia, que coinciden coa área xeográfica da Mariña.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre