Inicio Galicia A Xunta iniciará a finais de ano as obras de adecuación do...

A Xunta iniciará a finais de ano as obras de adecuación do Camiño Francés en Santiago entre a Ponte de San Lázaro e a rúa Miguel Ferro Caaveiro, nas que investirá máis de 910.000 euros

0

As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 29 de xullo

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe o inicio a finais deste mesmo ano das obras de mellora e integración paisaxística do Camiño Francés ao seu paso polo barrio compostelán de San Lázaro.

Acompañada do director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, a conselleira presentou hoxe en rolda de prensa os detalles desta nova actuación, que hoxe se licita por case 913.000 euros. As empresas interesadas na súa execución dispoñen ata o 29 de xullo para presentar as ofertas e os traballos teñen un prazo de execución de 9 meses, de forma que se prevé que estean rematados antes do verán de 2020.

Esta intervención no Camiño Francés desenvolverase desde a Ponte de San Lázaro, nas inmediacións do restaurante O Tangueiro, ata a rúa Miguel Ferro Caaveiro, e prevé habilitar na marxe esquerda da estrada unha senda para os peregrinos, desprazando á beira oposta as zonas de aparcadoiro.

A zona de tránsito para os camiñantes estará separada da estrada con franxas axardinadas para diminuír o impacto visual e sonoro do tráfico sobre a experiencia do peregrino.

Destaca especialmente dentro deste proxecto a actuación prevista no paso sobre a vía do tren, que se ampliará e mellorará, dotándoo dun acabado estético propio do Camiño, así como de maior protección e illamento. Xunto con isto, ampliarase o espazo peonil na glorieta da estrada SC-20.

A conselleira informou tamén de que se prevé habilitar unha nova zona de aparcadoiro fronte ao restaurante O Tangueiro, nunha parcela de propiedade do Concello, que se dotará con 16 prazas para estacionamento.

Trátase, sinalou, dunha intervención deseñada tamén para beneficiar aos veciños da zona, achegando maior accesibilidade, melloras nas entradas ás vivendas, ampliando a zona de paso peonil e habilitando unha nova parada de autobús.

Ethel Vázquez subliñou que esta intervención súmase ás obras que a Xunta comezará en setembro na baixada do Monte do Gozo e ás que prevé licitar en xullo para reordenar o cruce dos Concheiros, completando así a mellora da entrada do Camiño Francés en Compostela. En total, a Administración autonómica mellorará 1,8 quilómetros desta Ruta en Santiago.

A conselleira destacou como o departamento que dirixe segue a progresar no desenvolvemento da estratexia de mellora das chegadas dos Camiños a Compostela, unha iniciativa que prevé un investimento de 12 millóns de euros para mellorar 9 zonas da cidade.

Actualmente están xa en execución as obras no Camiño Inglés no Polígono do Tambre e en setembro comezarán as do Camiño Portugués en Conxo. En total, está xa mobilizado un investimento de case 6 millóns de euros neste proxecto, o que representa case a metade do total previsto.

A conselleira salientou que se trata dun “proxecto integral e ambicioso” co que a Xunta quere contribuír a “reforzar a cidade como gran escaparate de Galicia no mundo”. Sinalou que o Goberno galego está a desenvolver actuacións que implican actuar tanto en vías de titularidade do Ministerio de Fomento como do Concello e apelou á colaboración de todas as administracións na preparación do Xacobeo 2021.

A ese respecto, lembrou que o Concello de Santiago se comprometera a cofinanciar as obras de mellora dos Camiños na cidade cunha achega de 3 millóns de euros que non chegou a materializarse, polo que trasladou a súa confianza en que se poida retomar esa colaboración coa nova corporación en beneficio da cidade.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre