Inicio Galicia A Xunta inicia un novo ciclo de encontros en liña para informar...

A Xunta inicia un novo ciclo de encontros en liña para informar sobre os novos apoios do Igape Responde a pemes e autónomos

0

O obxectivo é dar a coñecer polo miúdo os servizos do ReAcciona, dotado este ano con 4,2 M€ e que xa apoiou na primeira convocatoria máis de 260 proxectos de mellora competitiva

A Xunta deu comezo a un novo ciclo de encontros en liña que durante este mes de setembro facilitará información polo miudo ás pemes e os autónomos galegos sobre os diferentes apoios que, dentro do programa Igape Responde, ofrecen as novas convocatorias do ReAcciona, dirixidas a impulsar a reactivación da actividade dos colectivos empresariais máis vulnerables no novo contexto económico provocado pola covid-19.

Os sete webinarios programados dan a coñecer os servizos nos que expertos apoian e asesoran sobre medidas que deben adoptar comercios, autónomos e empresas para mellorar a súa competitividade en ámbitos como a reorganización estratéxica e operativa dos negocios, a profesionalización, a dixitalización e, como novidade este ano, a innovación. Os interesados poden consultar os programas dos encontros, e inscribirse, na páxina web http://reacciona.igape.es/.

Catro son as convocatorias do ReAcciona previstas para 2020. Despois da resolución da primeira delas o pasado mes de agosto, nestes momentos está en marcha unha nova, que estará aberta ata o 17 de setembro. Posteriormente abriranse outras dúas convocatorias: do 21 de setembro ao 5 de novembro e do 9 de novembro ao 28 de decembro. As axudas concedidas dentro da primeira convocatoria, xa resolta, permitirán mobilizar 1,3 millóns de euros en 262 proxectos de impulso da competitividade que contibúan a manter e fortalecer á actividade das pemes galegas.

Este programa conta nesta edición cun orzamento de 4,2 millóns de euros e está cofinanciado polo programa operativo Feder Galicia 2014-2020. Forma parte do Igape Responde, iniciativa posta en marcha pola Xunta para achegar as respostas que precisa o tecido empresarial no novo contexto da covid-19, e que reforza e reorganiza os servizos de asesoramento a autónomos e pequenas e medianas empresas sobre as liñas de axudas activadas ante a nova situación económica.

Esta xanela única de información e apoio ofrece soporte personalizado en aspectos como a implantación do teletraballo, prestacións de servizos e promoción en liña, busca de financiamento e reconfiguración da oferta comercial, reforzando así os servizos de soporte aos colectivos empresariais que máis o precisan.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre