Inicio Galicia A Xunta inicia os traballos de roza e limpeza de máis de...

A Xunta inicia os traballos de roza e limpeza de máis de 100 hectáreas en cinco aldeas modelo de Lugo e Ourense

0

José González salientou que este ano van comezar tamén diferentes proxectos piloto de polígonos agrogandeiros e forestais que, combinados coas parcelarias e as aldeas modelo, permitirán unha importante mobilización de terras

A Consellería do Medio Rural iniciou a pasada semana os traballos de roza e limpeza de máis de 100 hectáreas en cinco aldeas modelo de toda Galicia. Trátase das de Infesta (Monterrei), Trabazón (O Irixo), Muimenta (Carballeda de Avia) e Penedo (Boborás), todas elas na provincia de Ourense, e da de Trascastro, no municipio lucense do Incio. Precisamente nesta última estivo esta mañá o conselleiro José González, para supervisar estes labores, e pola tarde desprazarase ata o núcleo de Penedo, en Boborás, coa mesma finalidade.

O conselleiro indicou que nesta aldea de Trascastro a Xunta limpará unhas 14 hectáreas, distribuídas en 178 parcelas dun cento de propietarios. Os labores permitirán a posta en marcha dunha explotación de gandaría en extensivo de razas autóctonas, concretamente de vacas cachenas, que ademais vai ser traballada en ecolóxico, tal como destacou José González. A Xunta o que fai, segundo explicou o titular de Medio Rural, é “limpar e protexer os valados e os marcos, que non se tocan, así como recuperar os camiños antigos e que a terra estea traballada e con rendemento, en lugar de estar abandonada”. Así, engadiu, “a xente pasará de ter que pagar por rozar a cobrar por arrendar”. Ademais, o conselleiro avanzou que neste mesmo municipio do Incio estudarase a posibilidade de incorporar ao proxecto de aldea modelo a posta en valor doutras 40 hectáreas de soutos de castiñeiros, no marco dos proxectos de recuperación destes espazos nos que traballa a Consellería.

Nesta liña, o conselleiro sinalou que “as aldeas modelo fan un labor de prevención de incendios, pero tamén mobilizan terra” e anunciou que este ano van comezar diferentes proxectos piloto de polígonos agrogandeiros e forestais que, combinados coas reestruturacións parcelarias -que se seguirán facendo- e as aldeas modelo, permitirán unha importante mobilización de terras. Citou en concreto iniciativas piloto de gandaría en extensivo no concello ourensán de Cualedro e outro proxecto de gandaría de vacún de leite para forraxe no municipio coruñés de Curtis, así como iniciativas para viticultura, especialmente na denominación de orixe Rías Baixas, pero tamén nas outras catro de Galicia. Búscase, asemade, localización para un polígono de produción de cereal para pan galego, remarcou.

José González puxo en valor, ademais, que a día de hoxe son 252 os concellos galegos incorporados ao convenio de protección dos núcleos de poboación, subscrito entre Medio Rural, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga e no que se enmarca a iniciativa das aldeas modelo. Isto supón que máis do 80% dos municipios da comunidade xa están sumados a este acordo.

O obxectivo destas iniciativas, segundo explicou o conselleiro, é acadar unha posta en valor da actividade económica e social deses núcleos, para permitir a súa recuperación demográfica e a mellora da calidade de vida da súa poboación, ao tempo que se busca unha anticipación ao problema dos lumes creando unha devasa natural fronte a eles.

José González salientou que a data de hoxe Medio Rural recibiu xa máis de 50 solicitudes para poñer en marcha aldeas modelo ao longo de toda Galicia. Delas, explicou, atópanse en trámite máis de 20, que suporán a posta en valor de máis de 620 hectáreas, repartidas en case 13.000 parcelas duns 3200 propietarios.

Aldea de Penedo, en BoborásPola tarde, o conselleiro desprazarase ata a aldea de Penedo, en Boborás, na que tamén se está actuando. Nela, a superficie abranguida polo proxecto -que estará centrado no impulso á gandaría en extensivo- é de algo máis de 23 hectáreas, pertencentes a uns 130 propietarios e case 700 parcelas.

Con respecto ás outras tres poboacións nas que agora comezan os traballos, en Infesta (Monterrei) a superficie acada unhas 40 hectáreas, distribuídas en 945 parcelas de algo máis de 200 propietarios, mentres que en Trabazón (O Irixo) serán seis hectáreas as rozadas, que están distribuídas en 220 parcelas dunha trintena de propietarios. Por último, en Muimenta (Carballeda de Avia), a superficie a limpar é de case 30 hectáreas, repartidas en máis de 1600 parcelas de preto de 250 propietarios. Estes labores súmanse aos que se están a realizar en Osmo (Cenlle), nese caso nun perímetro de case 25 hectáreas, propiedade de medio cento de veciños e distribuídas en 169 parcelas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre