Inicio Galicia A Xunta inicia os traballos da segunda fase de mellora da PO-531,...

A Xunta inicia os traballos da segunda fase de mellora da PO-531, na Devesa, no concello de Pontevedra

0

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, analizou esta mañá o comezo da obra coa asociación de veciños desta parroquia


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou, xunto a asociación de veciños da Devesa, o inicio dos traballos da segunda fase de mellora da PO-531 que consistirán na execución dunha nova glorieta e un ramal de novo trazado que conectará coa vía principal.

Na visita, o delegado territorial estivo acompañado a maiores polo xefe territorial de Infraestruturas e Mobilidade en Pontevedra, José Luis Díez, e polo xefe da Axencia de Infraestruturas de Pontevedra, Fausto Núñez.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destinará a esta obra, contando con expropiacións e IVE, 580.000 euros. Executarase entre os quilómetros 6+500 e 7+250, e con ela aténdese á solicitude realizada por veciños e usuarios da súa contorna, dando continuidade as obras que o departamento de Infraestruturas da Xunta acometeu no 2017, de reordenación e mellora coa execución dunha glorieta no acceso ao polígono de Sequeiros, no concello de Barro.

O obxectivo principal deste nova actuación é acadar a redución da velocidade de circulación e define a execución dunha glorieta de 44 metros de diámetro no punto quilométrico 7+150 da PO-531, situado á saída do núcleo da Devesa, coa que se reducirá de xeito significativo a elevada velocidade actual da circulación na contorna e se facilitarán os xiros en condicións seguras.

Na glorieta entroncarase un ramal de novo trazado, que se conectará coa vía principal deste núcleo e que permitirá eliminar o carril central para realizar o xiro á esquerda da intersección do punto quilométrico 6+620. Este novo ramal contará cunha lonxitude de 380 metros, aos que hai que engadir os camiños de servizos, polo que a construción total será de 750 metros. Todo elo permitirá unir os dous núcleos desta parroquia.

Esta actuación compleméntase coa rehabilitación do firme no tramo, a execución das obras necesarias para a drenaxe transversal e lonxitudinal e a reposición da sinalización e das barreiras necesarias, instalándose novas luminarias e un muro de escollera de contención.

Os traballos inícianse coa construción da nova glorieta, “de xeito que poidamos acometela no menor espazo de tempo posible, xa que esta estrada conta cun elevado número de vehículos diarios, que se incrementan no verano”, explicou Cores Tourís. “Agardamos deixar para esa época a execución do nova vía de enlace ao núcleo da Devesa, que supón un desmonte importante e que non causaría afeccións ao tráfico”. O delegado territorial engadiu que agradece enormemente “a colaboración dos veciños, tanto da Devesa como de Curro, xa que estamos a traballar con eles dende fai anos para continuar a mellorar esta imporante estrada que enlaza Pontevedra e O Salnés, e pola que circulan diariamente máis de 20.000 vehículos”. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre