Inicio Galicia A Xunta inicia o mércores o traslado do equipamento e os fondos...

A Xunta inicia o mércores o traslado do equipamento e os fondos bibliográficos da Biblioteca de Ourense cara a súa nova sede

0

Farase mediante un cronograma que garantirá a axilidade da actuación e as mínimas consecuencias aos usuarios trasladando parte das actividades ao Espazo Xove

A Xunta iniciará o vindeiro mércores os traballos de traslado do equipamento e do fondo bibliográfico da Biblioteca Pública do Estado en Ourense desde a sede actual, na rúa do Concello, cara o seu novo emprazamento, na rúa de San Francisco. As actuacións realizaranse en base a un cronograma que garantirá a axilidade da actuación e as mínimas consecuencias aos usuarios a través de medidas como o traslado das actividades infantís e os clubs de lectura ao Espazo Xove (rúa de Celso Emilio Ferreiro, 27).

Ademais, o traslado dos fondos bibliográficos e do resto do equipamento realizarase de xeito progresivo, permitindo que as instalacións da biblioteca estean pechadas ao público de xeito efectivo durante menos de un mes, desde o remate dos traballos –a mediados de novembro– ata a apertura das novas instalacións ao público, na segunda semana de decembro.

O traslado suporá mover uns 160.000 libros, 16.600 documentos audiovisuais, 4000 revistas e xornais, material electrónico e informático e mobiliario. O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, destacou que esta acción supón o “último paso” para que os cidadáns poidan dispoñer desta dotación máis moderna e da máxima calidade. Neste sentido, sinalou que os traballos se realizarán coa “máxima axilidade posible” co fin de causar as menores incidencias na actividade e servizos ordinarios.

Cronograma das actuaciónsO mércores comezarase co acondicionamento da nova sede da rúa San Francisco, se ben non será ata o 14 de outubro cando comezará o traslado de fondos. O 22 de outubro procederase ao peche da sala infantil co fin de iniciar o traslado dos depósitos situados nesta área. Por último, o 4 de novembro realizarase o peche do resto da biblioteca e o traslado dos fondos, mobles e enseres da instalación.

Unha vez remate o traslado, a Xunta determinará a data da súa inauguración de acordo co Ministerio de Cultura e Deportes –propietaria da instalación– e o Concello de Ourense.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre