Inicio Galicia A Xunta inicia mañá a segunda fase dos traballos de mellora do...

A Xunta inicia mañá a segunda fase dos traballos de mellora do firme na estrada Viveiro-Cabreiros (LU-540)

0

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que o investimento global nesta vía nos últimos dous anos supera os 1,2 millóns de euros As obras iniciaranse no termo municipal de Ourol e suporán a rehabilitación do pavimento en varios treitos da calzada e o repintado da sinalización viaria 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciará mañá a segunda fase das obras de reforzo do firme da estrada autonómica LU-540, entre Viveiro e Cabreiros.

Así o anunciou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quen indicou que os traballos executaranse ao longo de cinco quilómetros desta vía, coñecida como estrada da Gañidoira. Está previsto actuar nos termos de Ourol, Xermade, Viveiro e Muras.

As obras iniciaranse no concello de Ourol e desenvolveranse naqueles puntos da calzada que presentan deterioro, desde o PQ 8+000 ata o PQ 37+150 en Roupar.

O departamento de Infraestruturas destina 457.700 euros a esta actuación. Segundo apuntou Balseiro, o investimento global na mellora desta vía nos últimos dous anos supera os 1,2 millóns de euros.

Os traballos consistirán no fresado das zonas deterioradas da calzada e posterior reposición dos espesores eliminados cunha nova capa de rodaxe de mestura bituminosa en quente. Así mesmo, están previstas actuacións complementarias que consisten basicamente no repintado das marcas viarias, coa correspondente reposición da sinalización horizontal. O prazo de execución estimado será de seis meses.

O delegado explicou que esta actuación vén a completar a realizada o ano pasado noutros puntos da LU-540 e salientou a importancia que ten a mellora do firme nunha vía que asume unha elevada intensidade de tráfico pesado e soporta condicións climatolóxicas adversas.

De feito, o novo pavimento proporcionará unha mellor adherencia pneumático-pavimento e un maior confort na rodaxe. “En definitiva”, sinalou o delegado, “esta intervención ten a finalidade de mellorar a seguridade na estrada, unha cuestión prioritaria para o Goberno galego”. 


- Te recomendamos -