Inicio Galicia A Xunta inicia as obras de recuperación do xacemento arqueolóxico de Lavandeiras,...

A Xunta inicia as obras de recuperación do xacemento arqueolóxico de Lavandeiras, en Xove

0

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a obra conta cun prazo de execución de tres meses e un orzamento de 166.200 euros

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade deu comezo ás obras de recuperación do xacemento arqueolóxico de Lavandeiras, en Xove, detectado durante as obras de construción do enlace de Xove da Vía de Alta Capacidade (VAC) Costa Norte (no treito Celeiro-San Cibrao).

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que o prazo de execución é de tres meses e o orzamento da obra ascende a 166.200 euros. Os traballos consistirán na retirada da terra acumulada sobre o xacemento e o restablecemento ao seu estado inicial, atendendo á solicitude realizada pola Dirección Xeral de Patrimonio. O material retirado será recolocado na marxe esquerda da estrada Celeiro-San Cibrao, onde será integrado paisaxísticamente.

De xeito complementario, durante esta intervención realizarase un estudo arqueolóxico máis en profundidade dirixido á posta en valor deste espazo. A investigación arqueolóxica preliminar permitiu deducir que o xacemento presenta unha estrutura arquitectónica prehistórica de planta circular (henge) e cuxa cronoloxía se remonta, cando menos, á Idade do Bronce tardía.

Esta tese queda confirmada por variedade de evidencias estruturais exhumadas que indican a creación dun espazo circular ben delimitado. A este carácter construtivo hai que sumar o carácter ocupacional do recinto, ratificado, entre outras evidencias, polos materiais localizados (basicamente fragmentos cerámicos), os cales remiten de novo á fase media e final da Idade do Bronce.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre