Inicio Galicia A Xunta inicia as obras de mellora dos accesos aos hospitais públicos...

A Xunta inicia as obras de mellora dos accesos aos hospitais públicos Meixoeiro e Nicolás Peña, en Vigo

0
image_gallery.jpg

A intervención supón un investimento de 700.000 euros e a previsión é que estea rematada a finais deste ano


A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar as obras de mellora dos accesos aos hospitais públicos Meixoeiro e Nicolás Peña, no concello de Vigo.

A intervención suporá un investimento autonómico de 700.000 euros e o obxectivo é que estea rematada a finais deste ano.

Trátase de reforzar a seguridade viaria e a accesibilidade no contorno destes hospitais, favorecendo a mobilidade, tanto de pacientes como de todo o persoal sanitario.

Actuarase nas vías interiores coa renovación do firme e a mellora das beirarrúas, ademais da reordenación de espazos nas entradas aos centros hospitalarios. Tamén está previsto habilitar 23 pasos de peóns.

Os traballos se están a iniciar no hospital Meixoeiro e consistirán na habilitación dunha nova vía para facilitar as comunicacións dentro do propio recinto. Será un treito que hará máis doado o labor de subministración de material ao propio hospital, evitando que os vehículos que traen o cargamento teñan que saír marcha atrás ou por dirección prohibida.

No caso do hospital Nicolás Peña, está previsto mellorar o aparcadoiro e actuar nos itinerarios peonís para incidir sobre a accesibilidade e facilitar os desprazamentos a pé dos usuarios.

Ademais, mellorarase a sinalización para reordenar a circulación e regular o estacionamento, xunto á reposición de diversos elementos como vallas peonís ou bolardos.

Estes traballos foron planificados cos responsables do Sergas, analizando as necesidades de actuación. As obras están a executarse de modo coordinado cos equipos técnicos sanitarios do Meixoeiro e do Nicolás Peña para interferir o menos posible na actividade hospitalaria.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade tamén está a executar as obras iniciadas a finais de xullo de acondicionamento e mellora de pavimentación e sinalización no acceso ao recinto do antigo hospital do Rebullón, no concello de Mos, cun orzamento de 50.000 euros.

Estas actuacións forma parte dos proxectos de mellora da accesibilidade que se están a impulsar nos principais centros hospitalarios públicos de Galicia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre