Inicio Galicia A Xunta inicia as obras de mellora do sistema de depuración de...

A Xunta inicia as obras de mellora do sistema de depuración de augas residuais dos Praceres, en Pontevedra

0

Esta actuación foi adxudicada por un importe de preto de 13 millóns de euros e conta cun prazo de execución de 24 meses, 12 para a súa execución, ao que se engade un período de posta en marcha doutros 12 meses

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de iniciar as obras de mellora do proceso de depuración da estación depuradora de augas residuais dos Praceres, en Pontevedra.

Esta actuación foi adxudicada á unión temporal de empresas Acciona Construcción, SA & Acciona Agua, SA, por un importe de preto de 13 millóns de euros. A intervención conta cun prazo de 24 meses, 12 para a execución da obra, ademais doutros 12 para a posta en marcha dos novos tratamentos.

O saneamento da ría de Pontevedra é unha das grandes prioridades actuais do en materia hidráulica, onde resulta imprescindible actuar para garantir tanto a recuperación ambiental das augas, a produtividade marisqueira e a actividade turística.

Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Esta reforma tecnolóxica permitirá mellorar substancialmente a curto prazo a depuración das augas residuais dos concellos de Marín, Poio, Pontevedra e Vilaboa, co obxectivo de cumprir os límites de vertido marcados pola Directiva 91/271/CEE.

A intervención contempla a remodelación do tratamento secundario existente, co fin de garantir a correcta depuración de ata 900 l/s de auga residual. A solución proxectada consistirá na modificación do reactor biolóxico existente para dispoñer dun tratamento de leito móbil e unha posterior clarificación das augas mediante un proceso físico-químico con lastrado por microarea.

Adicionalmente, ampliarase a liña de fango para ter en conta as novas achegas e realizaranse unha serie de actuacións previas para manter o funcionamento da depuradora durante as obras.

Os traballos poden subdividirse en 5 categorías: as actuacións previas, a conversión dos reactores biolóxicos a leito móbil, a implantación dunha etapa de clarificación das augas depuradas, a reforma do edificio de control, e a da liña de tratamento de fangos secundarios.

Emisario submarinoEsta actuación completarase coa construción dun novo emisario submarino, que permitirá unha mellor devolución das augas limpas á ría, dando cumprimento aos compromisos adquiridos coa UE. Este contrato foi adxudicado a principios de xuño á empresa Copasa por un importe superior os 10,1 millóns de euros.

A reforma da depuradora e a construción do novo emisario submarino forman parte do Plan de saneamento local elaborado tras un exhaustivo análise do actual sistema que foi dialogado cos concellos e os mariscadores da ría.

Ese plan inclúe a necesidade de acometer outras actuacións, entre elas a mellora das redes de saneamento municipais polas que se producen infiltracións indebidas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre