Inicio Galicia A Xunta inicia as obras de conservación e humanización da contorna da...

A Xunta inicia as obras de conservación e humanización da contorna da Ponte Vella de Ourense

0
image_gallery.jpg

Os traballos correspóndense coa 2ª fase da posta en valor desta zona da cidade e contan cun investimento de máis dun millón de euros


A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de comezar as obras de conservación e humanización da contorna da Ponte Vella de Ourense.

Os traballos correspóndense coa 2ª fase da posta en valor desta zona da cidade e contan cun investimento de máis dun millón de euros.

Esta actuación, cun prazo de execución de 9 meses, abarca a conservación da propia ponte e a mellora da contorna da Capela dos Remedios, acondicionando e ampliando o acceso á entrada lateral da ermida e substituíndo a varanda.

Os traballos potenciarán as conexións peonís desde os distintos puntos da cidade cara a este conxunto patrimonial, coidando o mobiliario e creando un espazo para o lecer.

A intervención inclúe a liberación da zona que hoxe ocupa o parque de skate, construíndo un novo no Barrio do Couto, que contará cun circuíto de bicicletas (pump track) executado en zahorra e capa de rodadura asfáltica.

O proxecto permitirá dotar a cidade de Ourense dunhas instalacións axeitadas para unha práctica máis cómoda e segura desta actividade deportiva. O traslado deste parque tamén posibilitará acadar unha contorna ampla e aberta que servirá de antesala á Capela dos Remedios e como conexión coa Ponte.

Ademais habilitarase un miradoiro como novo atractivo turístico da cidade, desde o que poder observar o río Miño, a Ponte Vella e a Capela dos Remedios.

As obras iniciadas, enmarcadas no convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello de Ourense, veñen a continuar as xa realizadas nesta infraestrutura nunha 1ª fase, sumando unha achega global de 1,5 millóns de euros.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre