Inicio Galicia A Xunta inicia as obras de ampliación e mellora da depuradora de...

A Xunta inicia as obras de ampliación e mellora da depuradora de Viveiro, cun investimento de 3,9 millóns de euros

0
image_gallery.jpg

As obras comezan coa escavación dunha parcela anexa á depuradora onde se executarán parte das novas instalacións, realizándose as demais na propia EDAR


A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de iniciar obras de ampliación e mellora da depuradora de Viveiro, licitadas por un importe de 3,9 millóns de euros.

Esta actuación, que dispón dun prazo de execución de 18 meses, ten como obxectivo ampliar a capacidade e mellorar o grao de depuración previo ao emisario de todas as augas residuais de Viveiro, incluídas as do núcleo de Celeiro.

Os traballos estanse a centrar estes días na roza e escavación dunha parcela anexa á EDAR onde se executarán parte das novas instalacións, como o reactor biolóxico. As restantes obras de mellora desenvolveranse na propia depuradora.

A medida que se executen as distintas actuacións iranse poñendo en servizo coa fin de garantir estas prestacións de saneamento aos veciños durante a execución do proxecto.

Esta optimización permitirá tratar a totalidade das augas residuais xeradas no municipio, incorporando cunha nova conexión as procedentes da rede de Celeiro, que actualmente non van á depuradora. A actuación, estratéxica para Viveiro e a súa ría, incrementará nun 50% a capacidade de depuración da planta actual e permitirá atender 23.700 habitantes equivalentes, deixando cubertas as necesidades de depuración de Viveiro para as próximas dúas décadas. A ampliación da capacidade e mellora do funcionamento da EDAR de Viveiro contribuirá a obter unha mellora significativa da calidade da auga da ría, que se traducirá, tamén, no resultado das analíticas sanitarias que presentan praias como a de Celeiro. A esta intervención súmase o proxecto de saneamento de Celeiro e a mellora da condución de vertido da EDAR de Viveiro, que incluirá a execución do novo emisario e retirada do antigo, novo tanque de tormentas e mellora da capacidade de bombeo de Celeiro.

O Executivo autonómico está a impulsar estes proxectos hidráulicos para axudar ao Concello nas súas competencias municipais e conseguir que Viveiro e Celeiro poidan depurar as súas augas residuais conforme ás normativas vixentes. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre