Inicio Galicia A Xunta informará ás denominacións de orixe vitivinícolas sobre os aranceis e...

A Xunta informará ás denominacións de orixe vitivinícolas sobre os aranceis e os posibles efectos do brexit na venda dos seus produtos

0

O conselleiro sinalou que se está a traballar na actualización do rexistro vitícola e na posibilidade de xerar dereitos para seguir plantando viñedos en Galicia


A Consellería do Medio Rural organizará xornadas informativas nas diferentes denominacións de orixe vitivinícolas sobre os aranceis e os posibles efectos do Brexit na comercialización dos seus produtos. Así o anunciou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, con motivo da xuntanza que mantivo coa comisión permanente do consello regulador da DO Rías Baixas na sede deste organismo en Pontevedra.

O conselleiro enmarcou estas xornadas no “asesoramento xurídico” que está a poñer en marcha a Xunta para “dentro da legalidade, ver todas as posibilidades que teñen os nosos produtores”. Así, José González avanzou que eses encontros sobre as posibles consecuencias do Brexit se impartirán da man dunha “consultora de recoñecido prestixio”.

O titular de Medio Rural reuniuse coa comisión permanente do consello regulador, na que están o presidente, Juan Gil de Araujo, e o secretario xeral, Ramón Huidobro, para abordar diversas cuestións de interese para o sector. Entre elas, José González destacou a simplificación da tramitación da documentación das adegas canto á xestión dos libros por parte dos diferentes organismos con competencias. Trátase de axilizar os trámites cunha “xanela única” pioneira, para o que se lle vai propoñer a Aduanas do Estado a creación dun grupo de traballo específico.

Outros asuntos abordados neste encontro, segundo explicou o conselleiro, foron a actualización do rexistro vitícola no que está a traballar a Xunta. Neste aspecto destacou “a análise que se está a facer no seo desa actualización para ver o xeito de xerar dereitos para que se poidan seguir facendo plantacións de viñedo en Galicia” que, dixo, “se terán que facer sempre da man dos consellos reguladores”. Así, sinalou que “serán os consellos reguladores os que marquen o crecemento das DO no que se refire ás novas plantacións e, en definitiva, ao futuro a medio e longo prazo do sector”. No que atinxe especificamente a Rías Baixas, tamén se tratou a posibilidade de colaborar co consello regulador na procura de posibles localizacións para proxectos de polígonos agrarios destinados á viticultura.

Por último, nesta xuntanza tamén se avanzou na aplicación en Rías Baixas da Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia. Nesta iniciativa que coordina a Fundación Juana de Vega, tamén están implicadas as consellerías de Cultura e Turismo e de Economía, Emprego e Industria.

José González salientou que esta estratexia persegue, entre outros obxectivos, mellorar o posicionamento dos viños galegos, reforzar a súa imaxe de marca e identidade vinculada aos diversos territorios nos que se producen e, en definitiva, mellorar a eficacia da súa promoción e comercialización nos diferentes mercados. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre