Inicio Galicia A Xunta informa favorablemente a concesión da categoría de interese turístico internacional...

A Xunta informa favorablemente a concesión da categoría de interese turístico internacional para a Festa do Polbo do Carballiño

0
image_gallery.jpg

Hoxe remitiu o correspondente expediente administrativo á Secretaría de Estado de Turismo, organismo competente para formalizar esta distinción


A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, da Vicepresidencia primeira, ven de informar favorablemente a concesión da categoría de interese turístico internacional para a Festa do Polbo do Carballiño, segundo a orde ITC/85/2019, do 25 de xullo, pola que se regula a declaración de festas de interese turístico nacional e internacional.

Así, e de acordo con esta normativa, o departamento do Goberno galego remitiulle hoxe á Secretaria de Estado de Turismo, do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo o expediente administrativo co informe favorable da Xunta para a declaración desta festa co distintivo de interese internacional, xa que de acordo coa documentación presentada pola entidade promotora, neste caso o Concello do Carballiño, cúmprense os requisitos preceptivos para a concesión.

Segundo a antedita disposición administrativa do Goberno Central, para que unha festa poida optar á declaración de interese turístico internacional, debe contar previamente coa declaración de festa de interese autonómico e logo nacional, categoría esta última da que goza desde o ano 2012.

Arraigo e tradiciónNa súa avaliación, Turismo de Galicia tivo en conta, entre outros factores o arraigo na sociedade e a tradición da Festa do Polbo, así como a capacidade organizativa e a posibilidades en materia de aloxamento para os visitantes. Ademais, a Xunta valorou o apartado de promoción e difusión da festa no ámbito dos medios de comunicación internacionais e a promoción a través dos propios medios dixitais, tales como as contas en redes sociais e a páxina web.

Na actualidade, a Festa do polbo do Carballiño é unha das celebracións que máis visitantes congrega no verán e das que máis sona ten no ámbito gastronómico. A orixe desta festa remóntase á antiga tradición gastronómica relacionada co polbo na comarca do Carballiño que se puxo en valor coa iniciativa dun grupo de veciños nunha romaría que comezou a celebrarse tradicionalmente no Parque municipal da vila ourensá.

Esta exaltación do polbo no Carballiño vense producindo cada segundo domingo de agosto desde a década dos anos 60 do século pasado, coa participación de milleiros de persoas que comparten degustacións e xantares populares.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre