Inicio Galicia A Xunta informa en Ourense aos autónomos das dúas novas convocatorias para...

A Xunta informa en Ourense aos autónomos das dúas novas convocatorias para impulsar a transformación dixital do comercio galego

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou nun novo encontro dos Venres Autónomos co que busca favorecer a comunicación directa e o debate con este colectivo

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu hoxe en Ourense a unha nova convocatoria dos Venres Autónomos, a iniciativa coa que a Xunta pretende estar máis preto deste colectivo, favorecendo unha comunicación directa e un debate que permite ao Goberno galego coñecer a visión e propostas dos autónomos para “identificar e compartir” as medidas que mellor se adapten ás necesidades deste colectivo e “acompañalos neste esforzo que están realizando”, subliñou Conde. Neste sentido, informounos das dúas novas axudas para impulsar a transformación dixital do comercio.

Conde subliñou que Ourense debe converterse nun centro de innovación e coñecemento para diferenciarse desde o talento a través de proxectos nos que traballan as administración de xeito conxunto como o Centro Galego da Innovación da FP e do Centro de Intelixencia Artificial.

Na súa intervención, o conselleiro destacou a contribución dos autónomos á dinamización da economía galega e lembrou que un de cada cinco traballadores galegos son autónomos, unha porcentaxe que se eleva ata o 23% na provincia de Ourense. Conde amosou o seu interese por coñecer as diferentes experiencias e necesidades dos participantes no encontro de hoxe. Galicia, ademais, é a Comunidade máis estable e cunha maior porcentaxe de emprendemento feminino.

A Xunta reforza a Estratexia do Autónomo 2020 para seguir ao carón dos autónomos na posta en marcha dos seus proxectos, pero tamén na fase de consolidación e crecemento e para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar cun paquete de medidas no que se invisten 24,5M€. As principais novidades son o Bono Nova Oportunidade, que conta cun orzamento dun millón de euros e está orientado a autónomos que cesaron na súa actividade e queren volver a emprender un negocio; e o Bono Renova, para favorecer o traspaso de negocios e, garantir deste xeito o relevo xeracional, medida á que tamén se destina un millón de euros.

Ademais, a Xunta acaba de poñer en marcha outras dúas medidas enmarcadas na iniciativa Comercio 360 cun investimento de 4,4M€. Trátase, por unha parte, da liña de apoios para a innovación, dixitalización e novas fórmulas de comercialización no sector comercial e artesanal que ofrecerá axudas para actuacións realizadas entre o 1 de decembro de 2019 e o 20 de outubro de 2020. Poderán optar pemes de menos de 20 traballadores ou de menos de 50 no caso de accións de expansión comercial e Pop Up. Por outra parte, tamén se activou a liña de axudas para apoiar actuacións de ecoinnovación comercial, entre as que se inclúen a instalación de máquinas de reciclaxe de envases, utilización de ecoenvases e medidas de economía circular. Nas dúas liñas terase en conta como criterio de valoración a adhesión dos solicitantes ao programa e-ticket e á rede Comercio e Mercados no Camiño.“Con estas medidas tratamos de apoiar aos autónomos na transformación dixital para adaptar a visión do seu plan de negocio e que poidan introducir melloras competitivas que lles permitan afrontar os retos dixitais”, asegurou Conde, que explicou que é necesario acompañar a este colectivo prestando especial atención á introdución das novas tecnoloxías nos negocios e incidiu en que a través da oficina virtual do autónomo, os interesados poden consultar e obter toda a información que precisen. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre