Inicio Galicia A Xunta informa aos partidos políticos das medidas de seguridade e hixiene...

A Xunta informa aos partidos políticos das medidas de seguridade e hixiene da xornada electoral do 12 de xullo

0

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reuniuse hoxe cos representantes das candidaturas para resolver dúbidas


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reuniuse hoxe cos representantes dos partidos políticos para informarlles das medidas de seguridade e hixiene que se tomarán de cara á xornada electoral do 12 de xullo, así como para resolver as súas dúbidas sobre estas cuestións.

Nunha reunión por videoconferencia con representantes da maioría das candidaturas presentadas para as eleccións de xullo, abordáronse os detalles do Protocolo elaborado pola Xunta para que a cita do 12 de xullo se desenvolva coas máximas garantía sanitarias.

Ademais, no encontro tamén se lles trasladou aos representantes dos partidos os resultados das inspeccións realizadas polo equipo de 133 coordinadores de prevención habilitados pola Xunta. A día de hoxe, o 100% dos locais electorais galegos xa cumpren coas condicións necesarias: o 95% xa cumprían cos requisitos e só foi necesario buscar unha ubicación alternativa ao 5%. Haberá unha segunda rolda de visitas antes da xornada electoral para comprobar que se cumpren con todas as garantías logo de ter instalado todo o mobiliario.

En canto ás medidas de hixiene establecidas no Protocolo para o día das eleccións, recordou que o 12 de xullo será obrigatorio usar máscaras e hixienizar as mans antes de proceder ao voto. A Xunta porá a disposición dos locais todo o material de protección necesario para os electores e para os membros da mesas.

Así, ademais de que os locais contarán con máscaras e xel hidroalcohólico para todos os electores en xeral que se acheguen a votar, os membros da mesa -presidentes, vocais e interventores/apoderados- contarán cun xogo de catro máscaras cada un para poder renovalas durante a xornada, ademais dunha pantalla facial.

Neste sentido, o vicepresidente apuntou que, para evitar aglomeracións, a recomendación é que non coincidan simultaneamente nun mesmo local electoral máis dun apoderado de cada candidatura por cada tres mesas electorais e que, segundo o disposto na Lei orgánica 5/1985, só poderá asistir á mesa electoral un interventor de cada candidatura, sen prexuízo da súa posible substitución.

O Protocolo tamén establece que se deberán evitar aglomeracións e respectar as distancias de seguridade dentro dos locais electorais: de dous metros cando sexa posible e, cando non, deberase gardar en todo caso unha distancia dun metro como mínimo, tendo en conta que todas as persoas estarán usando equipamentos de protección. Nesta mesma liña, tamén se organizará a entrada dos votantes, que deberán acceder por norma xeral de forma individual. Priorizarase a entrada dos maiores de 65 anos ou das persoas con algún tipo de discapacidade.

En todos os locais, colocarase cartelería para facilitar o seguimento das pautas sanitarias, así como para indicar os fluxos de circulación dentro dos locais. Tamén se intensificará a ventilación e as actuacións de limpeza e desinfección, tanto antes como durante a xornada e facendo fincapé nas superficies máis expostas.

Todo o custo adicional que suporá a implantación destas medidas (material de protección, limpeza, control dos accesos, instalación de cartelería…) correrá a cargo da Xunta en tanto é a administración organizadora.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre