Inicio Galicia A Xunta informa aos empresarios dos polígonos de Bergondo e de Espíritu...

A Xunta informa aos empresarios dos polígonos de Bergondo e de Espíritu Santo sobre a execución das obras de prolongación da Vía Ártabra

0

Francisco Menéndez explicou a tramitación administrativa para definir o trazado, os trámites ambientais ou o estado das expropiacións, entre outras cuestións


O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, co delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, abordou hoxe a execución das obras de prolongación da Vía Ártabra, especialmente no tramo entre a N-VI e a AP-9, con representantes dos empresarios dos polígonos de Bergondo e de Espírito Santo.

Francisco Menéndez explicoulles aos asistentes a tramitación administrativa que se levou a cabo para definir o trazado, os trámites ambientais ou o estado das expropiacións, entre outras cuestións.

Trasladoulles que a Vía Ártabra é unha actuación prioritaria para o Goberno galego, tal como amosan os avances tanto no proceso de adxudicación das obras como as expropiacións.

Neste sentido, avanzoulles que se prevé firmar o contrato das obras nos próximos días e recordoulles que está convocado o levantamento de actas de ocupación entre os días 19 e 24 deste mes.

Pola súa parte, os empresarios manifestaron o seu apoio á actuación pola mellora que supón na conectividade das súas áreas industriais e consideran convinte que o Ministerio de Fomento non impoña o cobro de peaxe na conexión coa AP-9. Ademais, sinalaron que para eles sería estratéxico avaliar a posibilidade de mellorar a conexión do Polígono de Bergondo coa AP-9 e a interconexión viaria entre este e o do Espírito Santo.

Cómpre lembrar que a Xunta adxudicou recentemente as obras da 1ª fase de prolongación da Vía Ártabra ata autoestrada AP-9, entre o enlace da N-VI e a estrada autonómica AC-221, San Pedro de Nós- Mabegondo, cun investimento de máis de 23 millóns de euros.

O director reiterou que a Vía Ártabra é unha autovía libre de peaxe que dá continuidade ao tramo xa en servizo e prevé a chegada ata a autoestrada AP-9. Precisou, que os pregos licitados recollen que no período de execución das obras, de 36 meses, se acometa a conexión coa AP-9.

Fixo fincapé en que se trata dunha infraestrutura estratéxica para a Xunta de Galicia, cuxos obxectivos son lograr mellorar as comunicacións na área da Coruña e articular unha vía transversal para facilitar os tráficos de entrada á cidade a través da N-VI e AP-9.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre