Inicio Galicia A Xunta informa ao sector do ocio infantil das axudas para os...

A Xunta informa ao sector do ocio infantil das axudas para os sectores máis afectados polas medidas sanitarias para conter a covid-19

0
image_gallery.jpg

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, trasladáronlle ao sector que poderán acollerse ás liñas de axudas do Plan de rescate de persoas traballadoras autónomas e microempresas, dotado con preto de 80 M€


A Xunta vén de informar aos centros de ocio infantil das axudas do Goberno galego para manter o emprego e a actividade económica dos sectores máis afectados polas medidas adoptadas polas autoridades sanitarias para frear o avance da pandemia do coronavirus. O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, anunciáronllo ao sector do ocio infantil cos que mantiveron un encontro para escoitar as súas demandas e trasladarlle os mecanismos de apoio da Xunta en materia de financiamento que pode poñer á súa disposición para contribuír a paliar os efectos económicos da covid-19 nos seus negocios. A directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, e representantes do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) tamén participaron no encontro cos membros da Asociación de Empresas Galegas de Ocio Infantil. O Goberno galego permitirá que as empresas deste sector poidan adherirse ás dúas liñas de axudas do Plan de rescate de persoas traballadoras autónomas e microempresas. Trátase de dúas liñas compatibles entre si, polo que reunindo os requisitos necesarios os solicitantes poderán beneficiarse de xeito simultáneo de ambas. O Plan de rescate para persoas traballadoras autónomas e microempresas da Xunta, que se está perfilando na actualidade no seo do Diálogo Social e na Mesa do Emprego Autónomo, está dotado con preto de 80 millóns de euros para manter a actividade económica de 30.000 autónomos e de 10.000 microempresas. A iniciativa autonómica inclúe axudas para as actividades paralizadas alo menos 6 meses ou especialmente paralizadas, como é o caso dos negocios dedicados ao ocio infantil. É importante activar neste novo contexto socioeconómico as medidas necesarias para garantir o mantemento e o futuro dos autónomos, unha peza clave na economía galega. A Xunta, por iso, mantén un diálogo fluído cos autónomos e adoptou desde o primeiro momento medidas encamiñadas a poñer a súa disposición a liquidez necesaria para facer fronte aos seus gastos e os apoios para facilitar a súa recuperación. A Administración autonómica seguirá traballando da man deste colectivo para continuar definindo as medidas que sexan máis necesarias neste nova situación.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre