Inicio Galicia A Xunta informa ao Concello de Poio do conxunto de actuacións de...

A Xunta informa ao Concello de Poio do conxunto de actuacións de mellora na seguridade viaria na estrada PO-308 nese municipio, cun investimento de máis de 6,5 millóns de euros

0

As obras da senda e da mellora de seguridade viaria no tramo entre Covelo e Raxó están moi avanzadas e prevese que nas vindeiras semanas as operadoras retranqueen as liñas de servizos que permitan rematar a obra

A Xunta informou ao Concello de Poio do conxunto de actuacións en execución e previstas para a mellora na seguridade viaria na estrada PO-308 ao seu paso por este municipio, que acadan un investimento que supera os 6,5 millóns de euros.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantiveron unha xuntanza cos representantes do Concello de Poio, na que trataron con detalle as obras e proxectos da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade nesta estrada.

Tal e como expuxo a Xunta, a execución das obras da senda e de mellora de seguridade viaria no tramo Covelo–Raxó están moi avanzadas, e o seu remate está pendente, principalmente, do retranqueo dalgunhas liñas de servizos por parte das operadoras, que se espera que se acometan nas vindeiras semanas.

Ademais, informouse que de forma complementaria ás obras en execución, en febreiro se licitará unha nova obra de reforzo de firme que prevé actuar na PO-308 coa fin de contribuír á mellora do seu estado.

En relación co treito entre Fontenla e Combarro, na xuntanza abordouse a configuración final da estrada que resultará da suma das obras proxectadas de senda coas actuacións complementarias de seguridade viaria, cuxo proxecto se someteu a información pública o pasado mes de decembro. O conxunto ofrece unha gran mellora da estrada e incorpora todas aquelas alegacións viables desde o punto de vista técnico, primando a seguridade viaria.

Tal e como explicou o director da Axencia Galega e Infraestruturas, a execución da senda entre Fontenla e Combarro é unha oportunidade para que o Concello dispoña de máis espazo para as conducións de interese municipal. Neste sentido, trasladoulle a necesidade de que planifiquen xa a renovación de servizos que o Concello teña interese en acometer aproveitando a obra da Xunta.

En canto ao proxecto de senda entre Combarro, Chancelas e Samieira, o Concello foi informado da incorporación ao mesmo de melloras tales como unha glorieta no acceso ao porto de Combarro, así como da ampliación dos tramos desta actuación, en especial nesta última parroquia.

Menéndez informou de que nas vindeiras semanas se prevé instalar un paso de peóns con semáforo con pulsador en Chancelas, que atenderá a curto prazo a demanda dos veciños de mellora da seguridade no cruzamento desa zona.

Finalmente, e con respecto ao tramo da PO-308 máis próximo á Barca, a Xunta solicitou que o Concello traballe na concreción dunha proposta de actuación que poida ser analizada polos técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre