Inicio Galicia A Xunta informa á industria forestal lucense da orde de axudas aberta...

A Xunta informa á industria forestal lucense da orde de axudas aberta para impulsar o uso da madeira en proxectos de construción

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reuniuse esta mañá con membros da Asociación LugoMadera para trasladarlles as distintas axudas para o sector convocadas pola Xunta

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo un encontro esta mañá con membros da Asociación LugoMadera, que reúne aos empresarios da 1ª transformación da industria lucense, e aos que trasladou as distintas axudas para o sector convocadas pola Xunta.

Conde avaliou cos distintos empresarios a situación do sector, destacando o papel do forestal como unha das industrias clave do tecido produtivo galego, responsable de xerar valor e de contribuír á reactivación económica. O conselleiro agradeceu o diálogo aberto e continuo cos principais axentes do forestal, cos que se identificou os retos e desafíos no novo horizonte económico, e cos que se acordaron as medidas correspondentes.

Deste xeito, o titular de Economía, Emprego e Industria informou sobre o programa Emprega Madeira, unha liña de apoio ao sector dentro do Plan de reactivación económica, que permitirá a mobilización de 9 millóns de euros para 170 proxectos de construción e desenvolvemento de produtos en madeira. Estas axudas están destinadas especialmente a particulares, autónomos e empresas, cubrindo o 80% do investimento cun máximo de 25.600 euros de proxectos vinculados á construción e a enxeñería de naves e vivendas.

O conselleiro apuntou ao valor transversal da madeira como produto distintivo de Galicia, establecendo sinerxias con outros sectores (como o sanitario ou o contract) e facilitando a transición cara a unha economía verde, identificando ao mesmo tempo novos mercados e produtos para gañar en competitividade. Neste senso, apelou á necesidade de apostar pola formación para incentivar novos usos da madeira, desenvolvendo iniciativas que habiliten unha maior modernización e diversificación do forestal galego.

A este respecto, lembrou a posta en marcha por parte da Administración autonómica de tres proxectores tractores deseñados para contribuír á reactivación económica, incluíndo unha iniciativa centrada na fabricación de fibras téxtiles (viscosa) a partir de celulosa sobre a madeira.

Sector forestal galegoConde lembrou o papel central que o sector forestal xoga tanto a nivel autonómico como nacional, onde Galicia é a Comunidade con maior número de cortas, con Lugo representando o 47% a nivel galego. O sector xera máis de 21.000 postos de traballo en Galicia, dos cales o 12% (2.500) desenvolven a súa actividade na provincia lucense.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre