Inicio Galicia A Xunta incrementa en preto de 1,2 millóns de euros os fondos...

A Xunta incrementa en preto de 1,2 millóns de euros os fondos destinados ás axudas de rehabilitación de antigas vivendas de mestres e á infravivenda rural

0

No caso das axudas de rehabilitación de antigas vivendas de mestres os fondos increméntanse nun 60 por cento, engadindo preto de 1,1 millóns ao orzamento inicial


Santiago de Compostela, 26 de maio de 2020.- A Xunta de Galicia incrementou de forma notable os importes destinados ás axudas para a rehabilitación de vivendas de mestres, outros oficios e outras de titularidade municipal e tamén as destinadas a infravivenda rural, tal como hoxe se recolle nas resolucións publicadas no Diario Oficial de Galicia. No caso da rehabilitación de vivendas de mestres os fondos increméntanse nun 60 por cento e para infravivenda dóbrase o inicialmente previsto.

Ambas axudas están xa convocadas, rematando o prazo de presentación de solicitudes o próximo 7 de xullo.

Vivendas de mestresA Xunta de Galicia incrementa en 1.084.769,70 euros a dotación destinada ás axudas para a rehabilitación de antigas vivendas de mestres, outros oficios e outras de titularidade municipal, de maneira que o importe total da convocatoria será de 2.903.829,7‬ euros. O incremento da dotación desta liña de axudas supón incremento do 60 por cento respecto dos fondos inicialmente previstos para a convocatoria, que foi publicada no Diario Oficial de Galicia do 26 de febreiro pasado.

O programa de rehabilitación de vivendas de mestres, outros oficios e outras de titularidade municipal está dirixido a facilitar aos concellos a creación dun parque público de vivenda municipal para alugueiro, ao tempo que fomenta a rehabilitación de vivendas xa existentes.

Poden acceder a estas axudas os concellos de menos de 20.000 habitantes nos que existan demandantes de vivenda inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia (polo menos tantos como vivendas se pretende rehabilitar).

Unha vez rehabilitadas, as vivendas destinaranse, en réxime de alugamento, a unidades de convivencia con escasos recursos económicos (menos de 2,5 Iprem) durante un prazo non inferior a 20 anos. O concello solicitante estará adherido ao Programa de Vivendas Baleiras ou en trámite de adhesión e as vivendas rehabilitadas adxudicaranse conforme a este programa.

A axuda é do 90 por cento do custe da actuación, co límite de 40.000 euros por vivenda, que se incrementan ata 48.000 si as vivendas están emprazadas en ámbitos históricos ou dos Camiños de Santiago.

InfravivendaPolo que respecta ás axudas para a infravivenda rural, o orzamento da convocatoria de 2020 increméntase en 100.000 euros, polo que a contía final destinada a este fin será de 200.000 euros, cun incremento do 100 por cento.

Esta programa prevé axudas para a rehabilitación de inmobles destinados a vivenda que non reúnen uns requisitos mínimos de habitabilidade e que se empracen en concellos de menos de 10.000 habitantes.

O inmoble poderá ser propiedade dos seus moradores ou do concello, pero en ambos casos a axuda debe solicitala o concello.

Os ocupantes das vivendas terán ingresos que non superen 1 vez o Iprem. A vivenda rehabilitada deberá destinarse a solucionar os problemas de infravivenda durante un prazo non inferior a cinco anos.

A axuda será do 95 por cento do custe da rehabilitación, cun límite máximo de 15.000 euros por vivenda.

Os concellos poderán solicitar esta axuda ata o próximo 7 de xullo ou o esgotamento da partida orzamentaria.

Nos últimos anos a Xunta concedeu axudas para a rehabilitación dun total de 150 vivendas entre vivendas de mestres e infravivenda rural, por un importe total próximo a 3,7 millóns de euros. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre