Inicio Galicia A Xunta incrementa en máis dun 34% as axudas á redución de...

A Xunta incrementa en máis dun 34% as axudas á redución de xornada para fomentar a conciliación e a corresponsabilidade

0

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta convocatoria de axudas, dotada cun orzamento global de 741.036,54 €


O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde de axudas destinada a mulleres e homes traballadores e familias monoparentais que decidan acollerse á redución de xornada para coidar dos seus fillos e fillas. O orzamento, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, ascende a un total de 741.036,54 euros, o que representa o 34% máis ca o ano 2018. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución.

A principal finalidade desta convocatoria radica en levar a cabo a promoción dun reparto equilibrado das tarefas no eido doméstico, reprodutivo, do coidado de fillos e/ou fillas menores de 3 anos. Ata agora, na gran maioría dos casos quen se ocupa destas tarefas seguen a ser as mulleres (nais) e sobre elas recae na súa maioría a responsabilidade de conciliar.

Por isto, as principais persoas destinatarias destas axudas son os homes (pais) que traballen e se acollan á redución da súa xornada laboral para coidar á súa filla e/ou fillo menor de tres anos, e así non perpetuar o estereotipo de que é a muller que ten que sacrificar a súa carreira profesional, para atender elas case exclusivamente aos fillos e fillas. Tamén as mulleres (nais) poderán ser beneficiarias destas axudas, nos casos que sexan as titulares de unidades familiares monoparentais ou nos casos de parellas formadas por dúas mulleres.

A contías das axudas determínase en función da porcentaxe da redución da xornada e a súa duración, e o número de fillos a cargo da persoa solicitante, oscilando a mínima de 1.700 e a máxima de 3.700 euros.

Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta convocatoria as persoas físicas, homes e mulleres, que no período comprendido entre o 1 de xullo de 2018 e o 30 de xuño de 2019, ambos os dous inclusive, se acollan á medida de redución de xornada para o coidado dun fillo ou filla menor de tres anos, ou menor de 12 anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33%.

No caso de unidades familiares non monoparentais, poderán ser beneficiarios os homes que se acollan á redución de xornada, tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario.

Para a Xunta, o fomento da corresponsabilidade é unha prioridade nas políticas de igualdade. Neste sentido, cómpre recordar que o Goberno galego aprobou o Plan galego de conciliación e corresponsabilidade 2018-2021, que inclúe un cento medidas concretas. Galicia converteuse así na primeira comunidade autónoma en contar cunha ferramenta de planificación destas características. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre