Inicio Galicia A Xunta incorpora á judoka Sara Álvarez, na carreira olímpica, á súa...

A Xunta incorpora á judoka Sara Álvarez, na carreira olímpica, á súa campaña pola igualdade e contra a violencia de xénero

0

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, recibiu a recente campioa de España e avanzou o contrato de patrocinio como embaixadora do deporte galego


A campioa de España na categoría absoluta de judo Sara Álvarez, en fase de clasificación para os Xogos de Toquio 2020, vén de asinar o convenio de patrocinio para que participe como aliada da Xunta na loita contra a violencia de xénero e na promoción da igualdade entre homes e mulleres.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, recibiu a deportista luguesa a quen agradeceu a súa disposición para servir de embaixadora do deporte galego e sinalou a importancia do compromiso adquirido pola judoka, dado o potencial educativo que os deportistas exemplifican para inculcar valores como a tolerancia e a igualdade.

Sara Álvarez incorporará no seu equipamento oficial de competición e de adestramento os logotipos da Secretaría Xeral de Igualdade e da Secretaría Xeral para o Deporte-Fundación Deporte Galego. Ademais, terá que difundir a través das súas redes sociais, alomenos unha publicación mensual relacionada coa loita pola tolerancia, a igualdade entre mulleres e homes e contra a violencia de xénero.

Os contratos de patrocinio intégranse no convenio de colaboración do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero en materia de deportes. A iniciativa inclúe tamén medidas como campañas de prevención e sensibilización fronte a violencia de xénero dirixidas ás nenas e nenos, aos adolescentes e á mocidade, para que interioricen a igualdade como un valor esencial para a convivencia entre mulleres e homes.

Sara Álvarez revalidou o título no campionato de España celebrado en Fuenlabrada. Presenta un palmarés moi relevante que inclúe 3 medallas de ouro, 1 de prata e outra de bronce. Ademais participará no Máster de China, o que maior puntuación outorga, xunto co campionato mundial, para clasificarse para os Xogos Olímpicos.

Balseiro desexou toda a sorte do mundo a campioa luguesa, e convidouna a volver a encontrarse ao seu regreso para celebrar os que seguro serán os moitos éxitos do deporte galego nos Xogos, incluída unha boa participación individual.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre