Inicio Galicia A Xunta incoará expediente sancionador á empresa explotadora do encoro do Eume...

A Xunta incoará expediente sancionador á empresa explotadora do encoro do Eume pola situación de turbidez xerada no río e polas afeccións ao abastecemento de Pontedeume

0

Abrirase expediente por desatención dos requirimentos efectuados desde Augas de Galicia á empresa explotadora

A Xunta, a través de Augas de Galicia, incoará expediente sancionador á empresa explotadora do encoro do Eume pola situación de turbidez xerada no río e polas afeccións ao abastecemento de Pontedeume.

A Xunta abrirá expediente á empresa explotadora por desatender os requirimentos efectuados desde Augas de Galicia en relación á xestión da presa e tamén incoará a sanción que corresponda, en función da valoración dos danos ocasionados á calidade da auga do río e ao abastecemento.

A Xunta declarou este martes día 13 a emerxencia sobre a situación de turbidez do río e as súas consecuencias no abastecemento de auga ao municipio de Pontedeume.

A través desta declaración, adoptaranse as medidas necesarias para reducir os niveis de turbidez do río Eume. Ademais levaranse a cabo as intervencións de emerxencia que se consideren oportunas na estación de tratamento de auga potable para conseguir que a auga volva ser apta para o seu consumo e se poida restablecer o servizo de abastecemento á poboación.

Logo do traballo de campo realizado no día de onte polos especialistas en emerxencias ambientais e técnicos de Calidade das Augas da Xunta, que percorreron o río Eume para analizar en detalle a situación, agora estanse a avaliar as medidas concretas que se poden adoptar.

Unha comisión, na que estarán representados os técnicos de Calidade das Augas da Administración autonómica, a empresa responsable da xestión do encoro, o Concello de Pontedeume e a concesionaria do sistema de abastecemento municipal, seguirá a evolución da situación. A Xunta vén colaborando e traballando co Concello de Pontedeume, e apoiándoo para o mellor desenvolvemento das súas competencias municipais, xunto coa concesionaria do servizo municipal, para acadar a recuperación dos parámetros que permitan a reposición do abastecemento da auga á poboación.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre