Inicio Galicia A Xunta incoa o expediente para declarar BIC o funicular de transporte...

A Xunta incoa o expediente para declarar BIC o funicular de transporte aéreo de Novo y Sierra de Valga

0

O DOG publica hoxe a resolución coa que se inicia o procedemento polo que as sete torres e a zona do embarcadoiro situadas neste concello pontevedrés terán a máxima protección patrimonial

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2020.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a incoación do procedemento para declarar Ben de Interese Cultural o funicular de transporte aéreo de materiais Novo y Sierra en Valga (Pontevedra). Trátase dun exemplo único da industria da produción cerámica, moi presente e relevante en Galicia, especialmente no Baixo Ulla.

Esta antiga liña aérea de vagonetas e embarcadoiro está situada no lugar de Campaña e conectaba a mina Mercedes, a antiga fábrica de cerámica Novo y Sierra e o porto no río Ulla. Da totalidade da liña existente, os restos conservados na actualidade cínguense ao tramo comprendido entre a vía ferroviaria e o río Ulla. Conformarán o BIC un total de oito elementos principais: sete torres (catro delas completas) e unha zona de embarcadoiro.

Ditas torres, de celosía metálica segundo o sistema alemán Bleichert, permitían a circulación pechada de ida e volta combinando a suspensión e o percorrido por carrís de vagonetas capaces de transportar máis de 300 quilogramos. Este sistema construtivo modular permitía variar a anchura e a altura das torres para adaptalas ás necesidades xeográficas. As torres dispóñense no terreo sobre cimentación construídas ao efecto do propio material cerámico, sobresaíndo parcialmente do nivel das terras. Das conservadas, a altura varía entre os cinco e os sete metros.

Pola súa banda, a zona de embarcadoiro mantén o sistema estrutural de soporte de material cerámico, de forma poligonal cara o río Ulla cun piar central que sostería a última das rodas do sistema de xiro. Na actualidade perdeu a estrutura metálica que albergaría as rodas metálicas para o xiro das vagonetas de carga.

A actividade de extracción e de elaboración de material cerámico xa cesou, se ben os ámbitos extractivos na actualidade están en proceso de reintegración ambiental e constitúen espazos de valor natural e paisaxístico. Entre o ámbito máis próximo ao Ulla e as zonas de extracción descorre o trazado ferroviario así como as principais estradas de comunicación. Como consecuencia desta posición estratéxica, tense desenvolvido unha intensa actividade industrial e na actualidade existen instalacións en funcionamento que se ben non responden a industrias de carácter histórico, si testemuña o pulo orixinado polo mercado da arxila e dos materiais cerámicos.

A súa orixe en 1927 e o uso de celosía metálica aínda conservada, fan que o conxunto do funicular de Novo y Sierra sexa un exemplo único na comunidade autónoma, e da que existiron outros exemplos que non se conservan como as minas de ferro da Silvarosa en Viveiro ou do Freixo en Monforte de Lemos. O uso de sistemas de suspensión que supoñían unha tecnoloxía avanzada para a época permitía posicionar a industria de referencia en mellores condicións polos rendementos en tempo e volume de material transportado, o que favorecía dar resposta aos requirimentos de material de construción relacionados cos primeiros desenvolvementos e ensanches urbanos de Galicia.

A declaración como Ben de Interese Cultural implicará a máxima protección e tutela do funicular e as persoas propietarias deberán permitir a súa visita pública gratuíta como mínimo catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre